Skip to main content
Viveiro

Comezaron as VI Xornadas Cidade de Viveiro de Historia e Arqueoloxía Marítima

Por 12 Novembro, 2022Sin comentarios
Comezaron as VI Xornadas Cidade de Viveiro de Historia e Arqueoloxía Marítima, que se celebrarán nesta fin de semana de novembro, un mes simbólico na historia marítima de Viveiro, xa que foi o 2 de novembro de 1810 cando a fragata Magdalena afundiu na ría.

O acto comezou coa inauguración dunha exposición sobre os pecios que acompaña a estas sesións. Hoxe sábado comezarán as xornadas, nas que intervirán unha ducia de expertos ao longo dos dous días. 

A mañá do día 12 estará dedicada a analizar e expoñer os últimos avances da arqueoloxía marítima e pola tarde, despois do xantar, as charlas darán luz sobre algúns aspectos históricos de determinados fitos marítimos, como a circunnavegación do mundo.

O domingo haberá espazo para coñecer, a través de catro conferencias, as peculiaridades dos barrios pesqueiros de Viveiro, a historia dos aparellos pesqueiros en Galicia, os sistemas de defensa do litoral cantábrico galego e a restauración do pecio da Magdalena exposto no o Museo da Construción Naval de Ferrol.

As xornadas convertéronse xa nun punto de encontro de arqueólogos, historiadores e afeccionados e conseguiron reunir a case un centenar de asistentes nas últimas edicións.