Skip to main content
Axenda CaducadaFoz

A exposición ‘O noso planeta’ chega en decembro ao Cenima de Foz

Por 28 Novembro, 2022Novembro 29th, 2022Sin comentarios

Afundación e Abanca asinaron un convenio de colaboración co Concello de Foz para a realización da exposición O noso planeta, que estará situada no Cenima. Poderase visitar en horario de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas desde o 2 de decembro ata o 5 de xaneiro.

O noso planeta, reflexo do compromiso de Afundación coa sostibilidade e a protección do medio ambiente, está baseada na recoñecida serie homónima producida por Netflix e que bateu todos os récords de audiencia da súa programación, superando calquera serie ou película da súa carteleira.

A proposta da Obra Social de Abanca consiste en presentar unha exposición cuxa visita se concibe como unha actividade para todos os públicos, na cal a diversidade de formatos e a aprendizaxe son partes fundamentais. Así, a mostra conta nas súas diferentes seccións con elementos sorprendentes, como a curtametraxe animada Lemon, producida pola Fundación Raíña Sofía e un audiovisual titulado «Que podo facer eu?» no que se aborda o coidado e o respecto polo ecosistema como unha tarefa tanto individual como colectiva, entre outras propostas novidosas.

Esta mostra incide na importancia do coidado e do respecto cara ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. Seguindo os pasos da serie de Netflix, un proxecto coordinado por Alastair Fothergill e Keith Scholey, a exposición percorre desde as minguantes selvas tropicais ata a sobreexplotada alta mar, ilustrando a destrución sen precedentes da natureza a mans do ser humano, pero dirixindo todas as esperanzas cara á súa incrible capacidade de recuperarse. Mundos de xeo, Auga doce, Pradarías, Desertos, Bosques», Selvas, Litorais e Alta mar son os apartados nos que se reparten as fotografías que compoñen a mostra e a través das que se ilustra a biodiversidade do noso planeta, sempre acompañadas por un texto divulgativo, redactado polos máis importantes especialistas en cada campo desde perspectivas biolóxicas, ecolóxicas ou medio ambientais.