Skip to main content
Colaboracións LUGOXAColaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXA

Conversa con Pablo Veiga, traballador social e escritor

Por 11 Novembro, 2022Sin comentarios

Por Fernanda Arrojo.

Nado en Begonte, pero leva uns dezaoito anos residindo na capital. Está moi vinculado á Terra Chá de nacemento e a Lugo de residencia, concretamente na Piringalla

A túa formación é?

Diplomado en Traballo Social pola Universidade de Santiago de Compostela.

Actualmente traballas en?

Nos servizos sociais do Concello de Friol dende hai vintecatro anos.

Pero ti tamén es escritor?

Pois é unha afección que teño. Colaboro co xornal TerracháXá, levo máis de cento setenta artigos e os cen primeiros recopileinos en formato libro, titulado “En cincuenta mil palabras”. Tamén colaboro cun semanario israelí en castelán, “Aurora”, cunha columna sobre “Santiago de Compostela a Xerusalén”, para o que escribo esporádicamente.

Nos últimos tempos din un salto cualitativo e cuantitativo, publicando a miña primeira novela, “A marcha de Anxo”. E este ano, no mes de novembro, sairá un diario en castelán sobre a miña viaxe a Israel, fai doce anos, “Crónicas de un gallego en Israel”.

Eu lin ‘A marcha de Anxo’ e decateime que hai moito de Traballo Social nela, non é certo?

A ver, cando a revisei, recoñecín certa deformación profesional e non era a miña intención. Pero, efectivamente, trátase dunha historia, narrada dende o punto de vista dun neno de nove anos, que vive nos arredores dunha localidade galega e, sendo o último domingo de agosto, mañá luns, el e a súa familia marchan da barrio, ás aforas da cidade.

E vai dar unha última volta pola zona en bicicleta e, nun radio dun quilómetro, comeza a lembrar personaxes e historias que, dalgún xeito, teñen que ver con el. Así aparece un home con discapacidade, unha señora maior que vive soa, tamén aparecen menores en acollemento, ou situacións de maltrato, persoas con diversidade sexual e, incluso, o caciquismo ou abuso de poder… cuestións directamente relacionadas coa miña profesión. E, sen ser, a miña intención, ao final, escribo do que coñezo.

Por suposto, hai moita empatía cos nosos personaxes, capacidade que debe desenvolver un Traballador Social profesional.

Bueno, ou máis difícil foi transmitir a olkada dun neno. O tema fundamental da novela é o desacougo, o que significa deixar o coñecido polo descoñecido, tanto para os que marchan, que o deciden voluntariamente, a pesar de ter unha situación favorable, como para os que quedan, persoas que están vinculadas á familia do neno e que se sentirán un pouco desamparadas coa súa marcha.

E sobre todo, Nesta novela se fala do rural?

Máis ben dos espazos rurais arredor de calquera vila galega. Non é un entorno rural típico galego. Unha nai que traballa nun supermercado e un pai, ao parecer, que fai teletraballo dende a casa.

Cales son as semellanzas co entorno no que traballas?

Traballo nun concello, eminentemente rural, con características propias da Galicia interior: cada vez máis despoboado, xente moi maior (catro de cada dez, teñen máis de sesenta e cinco anos e os menores de dezaoito anos non superan o 7 por cen), unha gran dispersión xeográfica, etc.
Imaxino que o Traballo Social ten que afrontar grandes retos…

Tendo en conta os datos, os grandes demandantes dos servizos sociais son as persoas maiores, sobre todo o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para que non teñan que abandonar a súa casa, onde sempre residiron, cando necesiten asistencia.

Os servizos sociais comunitarios teñen apoio suficiente?

O avance foi importante dende o posto en vigor da denominada Lei da Dependencia, aínda que o incremento do número de usuarios foi brutal: desde vinte usuarios cada ano ata cento trinta nun concello de tres mil setecentos habitantes. Isto implica que de dúas auxiliares do SAF, hai quince anos, agora son máis de trinta e cinco, todas mulleres, sendo un nicho de emprego feminino.

Co paso do tempo, as demandas seguirán medrando e tanto no rural como nas cidades. Temos aí un gran reto. A maioría destes usuarios son persoas maiores que viven soas ben porque non teñen familia directa ou ben porque viven lonxe e, cando teñen Unha situación de dependencia, hai que darlles unha resposta axeitada.

Dispoñedes de recursos sociais para responder a esas demandas no teu Concello?

En Friol hai un Centro de Día xestionado por AFALU con varias prazas concertadas para acceder por Dependencia. Tamén hai un Servizo de Atención Temperá xunto con catro concellos máis, no que se atenden aos nenos de cero a seis años con necesidades especiais. Tamén un Servizo de atención infantil con vinte prazas de gardería. E nun municipio fronteirizo existe un centro de información á muller, ao que derivo casos de separacións, maltrato…E tamén, co Traballo Social na comunidade, se transforman realidades colectivas, por exemplo, agora no Concello de Friol hai varias prazas de aparcamento reservado para persoas con mobilidade reducida xa que cada vez hai máis solicitudes de tarxetas.

En canto a inmigración…

Temos algunha familia hispanoamericana, do Norte de África…e a integración é boa. E como hai bastante oferta de emprego tanto no SAF, coma no sector agropecuario, nos que a poboación inmigrante se está insertando moi ben

Na actualidade a figura so Traballador Social é respetada?

Eu penso que sí, mira que hai compañeiras e compañeiros que levan máis de corenta anos traballando, dende que se empezou co desenrolo dos Servizos Sociais Municipais que se fixeron valer, superando moitos atrancos. Ás veces o alcalde de turno non sabía se dar unha vasoira ou unha máquina de escribir á compañera polo seu descoñecemento das competencias profesionais.
Pero agora somos unha figura coñecida, recoñecida e respetada. Somos o profesional de referencia nos concellos ao ser a porta de entrada aos servizos sociais.

Date conta de que ao ano, recibo de oitocentas a novecentas persoas, que veñen sendo un vintecinco por cento da poboación do municipio.

E non pensas que na situación actual de crise socioeconómica, as e os profesionais do Traballo Social temos moito que falar?

Por suposto, a voz do Traballador Social ten que estar sempre cando se fala de temas sociais. Pero igual é culpa nosa, por iso a miña afección pola escritura ven desa necesidade de dar a miña opinión coma persoa e coma profesional.