Skip to main content
A FonsagradaAxenda Caducada

Volve a VII Foliada da Fonsagrada o días 8, 9 e 10 de decembro

Por 7 Novembro, 2022Novembro 8th, 2022Sin comentarios

A Fonsagrada acolle a VII da Foliada da Fonsagrada organizada pola Asociación Cultural Petapouco e a Destempo. Esta edición celebrarase os días 8, 9 e 10 de decembro e homenaxeará ao gaiteiro Ramón o Chocolateiro.

A Asociación Cultural Petapouco e a Destempo volve trunfar entre os fanáticos do tradi a falta dun mes para a súa festa anual e a vila xa ten completo as prazas de aloxamento polo que a organización volverá ofrecer a Escola Fogar da Fonsagrada no barrio dos Chaos. Este edificio, no que anteriormente se aloxaban os mozos e mozas que estudaban na escola da Fonsagrada, conta con 141 camas para acoller a todos aqueles seguidores do tradicional que se quedaran sen lugar no que descansar.

O cartel definitivo publicarase nas vindeiras semanas e traerá unha gran variedade de actividades e agrupacións, ademais da tradicional butelada.

Como cada ano, a Foliada da Fonsagrada homenaxea a algúns dos persoeiros máis relevantes da súa comarca. O primeiro foi Emilio do Pando, seguindo polo bailador Horacio de Xestoso, Serxio da Veiga e os cegos Modesta e Florencio. Con todo, tamén houbo homenaxes en vida, tal e como aconteceu no caso das bailadoras e das gaiteiros.

Este ano é a quenda de Ramón o Chocolateiro, un dos máis importantes gaiteiros da Fonsagrada. Na opinión de Adrián Méndez, presidente da Asociación, “a muiñeira e xota máis chulas da Fonsagrada son del”, recalca. Tal e como conta Méndez, o homenaxeado deste ano, comezou como todo gaiteiro tocando con pipas de centeo e xifros de castiñeiro, e ata elaboraba el mesmo os foles da gaita con pel de cabritos. Non se conserva ningunha desas gaitas, pero si unha do seu irmán que pode verse no Museo Etnográfico da Fonsagrada.

Para todos os integrantes da A.C. Petapouco e a Destempo é importante recordar e amosar a calidade do traballo de todos os persoeiros da Fonsagrada para valorar e coidar o patrimonio da súa comarca, motivo principal polo que se comezou a celebrar esta festa que, para o seu contento, non deixa de medrar.