Skip to main content
A Fonsagrada

O alcalde da Fonsagrada desbloquea o proxecto de construción da casa cuartel da Garda Civil

Por 22 Novembro, 2022Novembro 23rd, 2022Sin comentarios

O alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, mantivo en Madrid unha xuntanza coa directora xeral da Garda Civil, María Gámez, na que desbloquearon o proxecto de construción da casa cuartel da Garda Civil no Concello.

Así o avanzou o Alcalde tras expoñer as súas demandas diante deste organismo. “Dende a Dirección Xeral da Garda Civil comunicáronnos que a finais de ano estará listo o anteproxecto desta nova infraestrutura, e a principios do 2023 contaremos xa co proxecto definitivo, e previsiblemente, segundo o cronograma previsto, será licitado no segundo semestre do ano”.

O Concello da Fonsagrada xa realizou a cesión gratuíta dos terreos para construír esta nova dotación, que dá resposta a unha demanda do goberno da Fonsagrada co fin de  atraer servizos, e ao mesmo tempo fixar poboación neste municipio da Montaña lucense. “Hoxe é un día importante para o noso concello. Por fin sacamos adiante un proxecto que levaba tempo enfrascado, e agora xa podemos anunciar que temos o compromiso firme do Goberno de Pedro Sánchez para sacalo adiante. Polo tanto, estamos diante dunha boa nova, un novo investimento que contribuirá de xeito decidido a mellorar os nosos servizos públicos e as nosas dotacións”, dixo o rexedor.