Skip to main content
Lugo

O Rof Codina lanza unha campaña para controlar a obesidade en mascotas

Por 1 Novembro, 2022Novembro 2nd, 2022Sin comentarios

O hospital veterinario universitario Rof Codina do Campus de Lugo da USC lanza unha campaña orientada a controlar e, no seu caso, reducir o peso excesivo que presentan cans e gatos en idade adulta, unha realidade que afecta a máis dun 30% das mascotas, segundo indican o director veterinario do hospital Rof Codina, Antonio González Cantalapiedra, e a investigadora do grupo Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Veterinaria da USC Silvia Fernández Martín, que lidera este proxecto de investigación.

O obxectivo último desta campaña de control do peso de mascotas é o de mellorar a saúde e a calidade de vida dos cans e dos gatos, ademais de aumentar a súa esperanza de vida, explica Fernández Martín.

Esta investigadora veterinaria salienta asemade que a gordura afecta a un maior número de gatos, como corresponde ás mascotas máis sedentarias ás que non é preciso sacar a pasear, aínda que tamén advirte que cada vez hai máis cans obesos ou con máis peso do que resulta saudable.

As causas da problemática que representa o sobre peso destas mascotas son diversas e acostuman estar relacionadas con comportamentos e prácticas dos seus propietarios, ben por subministrar dietas excesivas ben por non permitir ou favorecer que os animais fagan exercicio físico suficiente. “Aos cans cómpre pasealos, pero pasealos ben, ata cansalos”, di González Cantalapiedra, para logo engadir que o nivel medio da obesidade destas mascotas sitúase un 20% por riba da peso corporal considerado ideal.

A inexistencia de mecanismos habilitados por parte das administracións fai imposible dispoñer dun censo de mascotas actualizado e esta ausencia de controis dificulta asemade coñecer con exactitude as particularidades de cada animal, así como as posibles patoloxías das mascotas, cuxa vixilancia da súa saúde depende en gran medida da vontade dos seus respectivos propietarios.

Ante esta realidade, que está xeneralizada na maioría das sociedades desenvolvidas, o proxecto investigación promovido desde o hospital veterinario universitario Rof Codina antóllase como unha boa oportunidade para que as persoas con mascotas máis ou menos rechonchas lles fagan unha revisión completa e gratuíta do seu estado de saúde nas instalacións hospitalarias.

Requisitos

O único requisito que deben cumprir os animais para participar neste programa de investigación é que estean acostumados a comer exclusivamente alimento para mascotas, segundo precisa Silvia Fernández, quen tamén indicou que os animais que tomen parte no proxecto recibirán de balde unha dieta específica para un período de tres meses. Esta investigadora tamén se referiu á necesidade de acudir ás revisións de control de peso programadas no Rof Codina para avaliar a evolución dos animais.

Os investigadores do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina do Campus Terra da USC implicados neste proxecto confían en poder incluír neste proxecto máis dun centenar de cans e gatos con obesidade, a fin de contar cunha casuística suficiente que avale os resultados do seu estudo, unhas conclusións que prevén presentar antes do verán de 2023. Daquela, González Cantalapiedra e Fernández Martín convidan á cidadanía a participar coas súas mascotas neste programa de perda de peso para cans e gatos. As persoas interesadas poden acadar máis información a través do número de teléfono 982 820 920 ou no enderezo de correo electrónico obesity@rofcodina.org.