Skip to main content
Lugo

Inaugurada a rotonda da Nacional VI

Por 4 Novembro, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; a subdelegada, Isabel Rodríguez; e a deputada, Pilar García, inaugurou este venres a nova rotonda da Nacional VI, na confluencia coa Avenida Alfonso X O Sabio. O Concello e a Deputación puxeron a disposición do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana os terreos municipais sobre os que se construíu a nova infraestrutura,  financiada polo Goberno Central cun investimento de 432.787 euros.

Durante a inauguración, Lara Méndez apuntou que “como alcaldesa estarei sempre ao frente de todas aquelas infraestruturas e todas aquelas obras necesarias para o benestar da cidade, como pode ser a que hoxe inauguramos; unha obra na que ademais visualizamos a importancia da colaboración entre administracións, neste caso o Goberno Central, que financiou e executou a obra, e a Deputación e o Concello, que puxeron os terreos para que este proxecto hoxe sexa unha realidade”.

“Os usuarios xa nos trasladaron a comodidade, seguridade e axilidade da rotonda para asumir o tráfico rodado; estamos a falar dunha media de 20.000 vehículos diarios, unha vía, polo tanto, moi utilizada, que ademáis conecta, non só o entorno do Miño, senón tamén infraestruturas tan importantes como o propio campus lucense, o hospital veterinario Rof Codina ou o Pazo dos Deportes”, explicou.

“Seguimos, deste xeito, fomentando unha cidade sostible e moderna, facilitando conexións tanto viarias como peonís para incrementar a comodidade dos veciños e veciñas”, subliñou a rexedora, quen agradeceu novamente a implicación do executivo central “porque os compromisos se demostran, primeiramente, orzamentando os recursos necesarios para realizar as obras e despois executando”, concluíu.

Pola súa parte, o Delegado do Goberno apuntou que “moitos dos avances, desbloqueos e demandas que se están levando a cabo agora na cidade son grazas ao liderazgo de Lara Méndez, porque o executivo central está a ter en conta as reivindicacións da alcaldesa, que segue a reclamar melloras para Lugo sen mirar a cor política dos responsables que estén a frónte do Goberno de España e esa é a forma en que se ten que actuar”.

“A veces dinnos que somos moi intensos nas nosas reclamacións, nas nosas demandas, e así é, pero a diferenza de antes, agora temos un goberno que non só entende senón que ademáis atende estas demandas e hoxe vemos tamén materializado o froito desas demandas e os compromisos adquiridos”, conclíu Miñones.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, salientou que este é “un día moi importante para os veciños e veciñas desta cidade e de toda a nosa provincia, porque a posta en servizo desta infraestrutura suporá unha gran mellora da mobilidade, e polo tanto, na calidade de vida da xente e tamén na competitividade do noso tecido económico”.

Explicou que esta obra pon de manifesto que o Goberno central, a Deputación e o Concello de Lugo, “as tres administracións que colaboramos para sacala adiante, temos un proxecto moi claro de futuro para os nosos veciños e para o noso territorio e, moi importante, que cumprimos con ese proxecto, porque traballamos, cada día, para converter os nosos obxectivos en feitos, en realidades; porque os feitos, as realidades coma esta, son as que cambian e as que melloran a vida da xente, e non os anuncios e as promesas”.

Ademais, insistiu en que con esta nova infraestrutura que permite avanzar na mobilidade, o Goberno do Estado, o Concello de Lugo e a Deputación “cumprimos coa provincia de Lugo e, dende logo, dámoslle á Administración autonómica un espello no que mirarse, en materia de infraestruturas, pero tamén noutras moitas materias”.

Características da nova rotonda

A infraestrutura ten 50 metros de diámetro. Os carrís que a integran dispoñen dunha anchura de 4 metros, mentres que a dos viais de acceso é de 3’5 metros. Con este proxecto substituiuse a actual intersección en T por unha nova glorieta entre a N-VI e a rúa Alfonso X O Sabio, cunha configuración máis propia da contorna periurbana en que se sitúa. As obras incluiron a execución da chaira para a nova glorieta, estendido de firme, drenaxe lonxitudinal, sinalización, balizamento e sistemas de contención.