Skip to main content
Lugo

Medio Rural renova estradas municipais nas parroquias de Coeses e Calde

Por 5 Novembro, 2022Sin comentarios

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, supervisaba as obras dunha vía municipal na parroquia de Coeses que discorre cara ao núcleo de Ceza. “Unha actuación necesaria debido a antigüidade da estrada, ao uso e ás inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo” sinalou o edil.

As tarefas, segundo referiu o responsable de Medio Rural, consistiron na limpeza das beiravías, no arranxo do firme, reposición de sinalética así como a limpeza das cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía e evitar que produzan danos no pavimento.

Fernández indicou que os labores, que supuxeron un investimento de 47.674 euros, “son mostra da aposta decidida do Goberno local por aumentar a calidade das infraestructuras dos núcleos e favorecer, así, o asentamento de poboación”, indicou o concelleiro.

O tenente de alcaldesa visitou tamén as obras de mantemento e mellora dunha vía municipal na parroquia de Calde, nunha estrada que facilita o acceso ao núcleo de A Pena.

Esta actuación conta cun orzamento de adxudicación de 25.870 euros e no cal se realizará ademais da mellora do firme a limpeza das cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrenta e evitar que produzan danos no pavimento da vía.

Este camiño atopábase deteriorado debido á súa antigüidade, ao uso e ás inclemencias meteorolóxicas sufridas co paso do tempo”, apuntou o edil, polo que se procedeu a súa mellora.

Os traballos consistirán na extensión e compactación dunha capa de mestura asfáltica en quente na totalidade dos 363 metros de lonxitude do camiño. Ademais, procederase a unha regularización previa da superficie coa mesma mestura para as zonas máis deformadas ou con fochancas.

Miguel Fernández destacou a importancia destas obras, “que desenvolvemos despois de escoitar as necesidades que nos traslada a veciñanza da zona pero que non só beneficiará ás persoas residentes nestes núcleos senón que reverterá no conxunto do tráfico rodado que circula pola zona”, concluíu.