Skip to main content
BurelaLugo

Dous traballos de alumnos lucenses premiados no concurso da Xunta convocado polo 25N

Por 10 Novembro, 2022Sin comentarios

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade xa fallou os premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado polo 25-N, día internacional contra a violencia de xénero. As propostas individuais e colectivas deste ano destacaron pola súa orixinalidade e reflexión acerca dunha lacra que, tal e como se trasluciu nos traballos, adquire novas caras.

No certame foi gañador na 1ª categoría de imaxe gráfica, para 5º e 6º de educación primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e educación especial, un alumno do IES Ánxel Fole de Lugo polo seu traballo Non sexas o seu xoguete.

Na 2ª categoría, dirixida a 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP básica e de ciclos de grao medio e superior, na modalidade audiovisual o segundo premio foi para  Non cales. Fala, unha montaxe realizada por 1º de Bacharelato do IES Monte Castelo de Burela.

O xurado estivo integrado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista. Recoñeceu a calidade técnica e creativa das propostas da presente convocatoria e tivo en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero e a adecuación desta aos obxectivos que se promoven de prevención, detección precoz e intervención fronte á lacra.

Con esta iniciativa, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon en valor a reflexión sobre esta lacra realizada no eido escolar co foco posto na prevención, na detección precoz, na intervención e no recoñecemento das novas violencias.

A entrega de premios farase coincidir este ano coa conmemoración, o 25-N, do día internacional contra a violencia de xénero. Todos os galardoados, ben a título individual como colectivo, recibirán cheques regalo para investir no comercio local e os centros representados, cadanseus lotes de libros.