Skip to main content
Lugo

O artista lucense Christian Villamide presenta a peza escultórica Inhumación III

Por 12 Novembro, 2022Sin comentarios

O artista Christian Villamide presentou no Museo de Lugo a peza escultórica Inhumación III, creada para o proxecto  Cabodano. II Andaina impulsado polo Centro de Estudos Fotográficos de Vigo, como epílogo e celebración da actividade editorial que a entidade desenvolveu desde 1985 ata o ano 2016, coa publicación de 44 obras de fotografía contemporánea.

A peza de Christian Villamide instalouse na sala de arte sacra, establecendo un diálogo coa pintura da  Virxe Dolorosa. Permanecerá no Museo de Lugo ata finais de ano.x

Inhumación III está emparentada  coa obra Inhumación II realizada no 2019 no Centro de Arte CAB de Burgos  e Inhumación I realizada no 2020 no Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC. A obra fala de todo o que  vai quedando soterrado baixo o asfalto, o formigón, as cidades, baixo os  nosos pés, desa cultura esquecida, de períodos borrados de  civilizacións, de revolucións perdidas, de ideas pensamentos ou accións soterradas…fala desa perda da memoria histórica.

Neste caso Inhumación III  fálanos de perda dos proxectos realizados polo Centro de Estudos Fotográficos (CEF Vigo) que tanto aportaron á  cultura e á riqueza individual da sociedade, dese baleiro deixado polos seus contidos, dese oco non ocupado por outros proxectos,  desa perda, pero tamén de todo o que xerminou a raíz destas iniciativas, ese é o gran valor para un futuro máis culto e libre.

Asistimos por un lado a unha sensación de perda que nos permite reflexionar sobre as malas políticas culturais e sobre a cultura que devoramos e consumimos sin a máis mínima reflexión nin crítica. Sobre un torniquete que amordaza unha serie de libros de colección Do Trinque, editados polo Centro de Estudos Fotográficos, elévase unha  estrutura de aceiro corten, gravada e pulida con pó de ouro da que saen dous feixes de láser verde, coa que represento, por un lado, a perda e o oco da mesma e polo outro, todo o que nos fixo medrar como sociedade máis culta  como consecuencia deses proxectos hoxe varados no tempo.