Skip to main content
Lugo

Declarado improcedente o despido de catro traballadoras do servizo 010 do Concello

Por 17 Novembro, 2022Sin comentarios

Un xulgado declarou improcedente o despedimento, feito efectivo o 1 de abril de 2022, de catro traballadoras adscritas ao servizo 010 do Concello de Lugo e, en consecuencia, condenou á empresa Abante Business Process Outsourcing a que opte entre readmitir ás demandantes no seu posto de traballo ou indemnizalas pola extinción da relación laboral.

Na resolución, a xuíza explica que a empresa, por decisión unilateral, deixou de prestar o servizo de atención telefónica 010 desde o 8 de marzo de 2022. “É evidente que se trata dun suposto de despedimento tácito, debido a que existe unha vontade evidente do empresario de poñer fin á relación laboral, debido a que procedeu a dar de baixa na Seguridade Social ás traballadoras”, recalca a titular do Xulgado do Social número 4 de Lugo no fallo, no que indica que os despedimentos deben ser cualificados como improcedentes porque “non se axustan ás formalidades establecidas na lexislación vixente”, que establece que “o despedimento deberá ser notificado por escrito, indicando os feitos que o motivan e a data de efectos”.

A maxistrada eximiu de responsabilidade solidaria á entidade Central de Llamadas porque “non asumiu o servizo de atención telefónica 010 que prestara previamente Abante”. A xuíza asegura que non se tratou “dunha sucesión de contratas”, pois Central de Llamadas, “provisionalmente e durante apenas tres meses, asumiu a atención de chamadas ante o abandono do servizo por parte de Abante, pero, na actualidade, o servizo é prestado polo propio Concello de Lugo”. Contra a resolución cabe presentar recurso de suplicación ante o TSXG.