Skip to main content
Portomarín

A Casa da Cultura de Portomarín conta cun proxecto de rehabilitación integral

Por 24 Novembro, 2022Sin comentarios

A Casa da Cultura de Portomarín conta cun proxecto de rehabilitación integral financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno na mellora dos servizos públicos municipais. Esta obra contará cun presuposto total de 415.000 euros dende o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma).

A subdelegada xunto ao alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, supervisou as principais actuacións que se levarán a cabo para remodelar o inmoble, onde se sitúan oficinas municipais, o auditorio e a biblioteca,  e que se enmarcan no Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para Entidades Locais (Pirep Local). “Con esta axuda do Goberno ao Concello os 1.400 veciños e veciñas de Portomarín gañan un edificio moderno, sostible e accesible, onde convivirán a cultura e o lecer, para desenvolver actividades sociais relacionadas coa vila que dinamicen a vida e a economía no territorio”, subliñou Isabel Rodríguez.

“Estes traballos financiados polo Mitma mellorarán a eficiencia enerxética das instalacións, reducindo máis dun 30% o consumo de enerxía, e son un compromiso co medioambiente que se aliña cos obxectivos do Goberno de España”, afirmou a subdelegada que explicou que o Pirep Local responde a criterios de sustentabilidade, inclusión e calidade estética, pero tamén de oportunidade “porque recupera edificios públicos de titularidade municipal para a cidadanía”.

As obras, que deberán estar rematadas en setembro de 2024, consistirán na renovación da carpintería exterior do edificio, a instalación dunha caldeira de pellets de alta eficiencia para calefacción e auga quente, substitución do alumeado existente por un tipo LED de baixo consumo e a dotación de illamento térmico envolvente. Así mesmo, mellorarase a accesibilidade da entrada ao edificio, instalarase un ascensor,  construiranse aseos e vestiarios para persoas con mobilidade reducida e acondicionaranse os actuais. Ademais, o proxecto inclúe traballos de repintado, substitución de portas e falsos teitos, reposición de pavimentos interiores, baixantes e canlóns exteriores.

Durante a visita, Isabel Rodríguez destacou a finalidade do programa e a súa contribución ao reforzo e mellora dos servizos públicos, xa que o 60% dos edificios para rehabilitar con axuda dos fondos europeos destínanse a uso cultural, educativo ou deportivo.

A Casa da Cultura de Portomarín é un dos sete proxectos que o Goberno financia con 3,2 millóns de euros do Pirep na provincia de Lugo. A subdelegada fixo fincapé en que seis deles son de concellos de menos de 5.000 habitantes, “demostrando o compromiso do Executivo cos servizos públicos dos municipios máis pequenos para que os seus veciños e veciñas teñas as mesmas oportunidades que o resto”; manifestou Rodríguez. Os restantes concellos beneficiarios son Vilalba, Pol, Antas de Ulla, Rábade, A Pontenova e A Fonsagrada.