Skip to main content
Folgoso do Courel

Esta fin de semana desfruta dos barrancos do Courel

Por 17 Novembro, 2022Novembro 18th, 2022Sin comentarios

O 19 e 20 de novembro poderás participar no descenso ós barrancos de Regueiro Seco e do Inferno no municipio de Folgoso do Courel, grazas á participación do guía de montaña da Uimla e Barrancos, Jose Gutiérrez.

As actividades programadas para esta fin de semana son o descenso ós barrancos de Regueiro Seco e do Inferno no municipio de Folgoso do Courel, o das Sete Fontes no Bierzo e a Ferrata Valdetorno en Sabero.

O descenso ó Barranco Regueiro Seco, que pertence ó Xeoparque Montañas do Courel, supón unha pequena xoia no corazón das Montañas do Courel.
O descenso caracterízase por unha marcada verticalidade. Varias fervenzas sucédense con alturas próximas ós 30 metros salvando un desnivel de 250 metros nun percorrido de 750.

Como punto débil deste descenso, cabe sinalar que a parte superior atópase algo degradada polas sucesivas obras na estrada que accede o Alto do Boi. Isto non significa que non debamos programar o descenso xa que a súa beleza vai compensar.

O duración aproximada da actividade é de catro horas e a distancia a percorrer é de 2.000 metros, cun desnivel positivo de 140 metros nun tempo aproximado de 30 ou 40 minutos.

Para o descenso a distancia é de 710 metros, cun desnivel negativo de 250 metros nunha duración de 3 horas e a volta realízase percorrendo unha distancia de 650 metros cun desnivel positivo de 235 metros e negativo de 160 metros nun tempo aproximado de 20 minutos.

O número de descensos con corda a realizar son 7 e o máis longo mide 32 metros.

Con respecto ó Barranco Inferno, é breve e de fácil percorrido.

Integran o seu descenso seis dificultades equipadas. A primeira é unha rampla que remata nunha zona cega en cuxa recepción hai unha poza, ven a continuación un R13 partido en dous chanzos e na recepción deste descenso con corda existe un escape á dereita que conduce a uns edificios en ruínas, un lugar coñecido como Cabanas das Campiñas.

Un fácil R8 obriga logo a mollarse na súa base y conduce a unha fervenza cunha gran cova tras ela. Un tapón de troncos na súa parte alta da acceso á cabeceira, que conta cun desviador para facer un descenso en corda máis limpo.

Dende ese punto xa so separan do final do descenso dous pequenos resaltes de menor entidade.

Xusto na confluencia co río Lor sae á esquerda unha senda que sube sobre as dúas últimas fervenzas e, en ascenso, enlaza nunha media hora cunha ruta de sendeirismo que ven de Vilar.

Este barranco tamén ten unha duración aproximada de catro horas. Primeiro deberase percorrer unha distancia duns 50 metros con desniveis positivos e negativos e o descenso abrangue 550 metros, cun desnivel negativo de 135 metros e unha duración dunhas tres horas.

Para o retorno a distancia a percorrer será de 900 metros, tamén con desniveis positivos e negativos, a realizar nun tempo aproximado de 45 minutos (con tramos de trepadas delicadas e algo expostas).

O número de descensos con corda é de 6 e o máis longo ten unha lonxitude de 15 metros.

O prezo para estas actividades depende das persoas que participen nelas: de tres a catro aventureiros ten un prezo de 55 euros por persoa, se son dous aventureiros o descenso terá un custo de 70 euros por persoa e para unha soa persoa, o prezo será de 125 euros.

Para anotarse ou resolver calquera dúbida pódese chamar ó teléfono 696 920 114 (Jose Gutiérrez, guía de montaña da Uimla e Barrancos).