Skip to main content
Sober

Coñece as pautas para a explotación produtiva da aldea modelo de Francos de Proendos

Por 17 Novembro, 2022Sin comentarios

Véñense de facer públicas as guías de ordenación produtiva cos usos máis idóneos para cinco aldeas modelo, entre elas a de Francos de Proendos, en Sober.

Estas guías de ordenación produtiva configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios para aldeas coma Francos de Proendos en Sober, Covelo en Taboadela, Carzoá en Cualedro, O Seixo na Gudiña e Mouteira-Parada en Cerdedo-Cotobade. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

No caso da aldea modelo de Francos de Proendos, en Sober, establécese unha zonificación dos terreos para definir como actividades principais a explotación porcina en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto e o viñedo. Como actividade secundaria establécese para unha das zonas definidas a plantación de árbores para obtención de froito. Neste caso, a figura da aldea modelo abrangue un perímetro de 12,87 hectáreas, distribuídas en 119 parcelas de 70 propietarios.

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas modelo deben ter en conta que estes borradores de guías de ordenación produtiva se someten a información pública polo prazo dun mes a contar dende hoxe, tempo durante o que poderán realizar as achegas e alegacións que consideren oportunas. Estas guías poden consultarse tanto nos taboleiros de anuncios dos concellos nos que se sitúen as aldeas modelo como na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/aldeas-modelo/guias-de-ordenacion-produtiva/

Enlace ó acordo no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221116/AnuncioO90-311022-0001_gl.html