Skip to main content
Begonte

Supervisan en Begonte as obras subvencionadas para mellorar o impacto paisaxístico

Por 10 Novembro, 2022Sin comentarios

A Xunta de Galicia concedeu 800.000 euros en axudas a 42 concellos para mellorar a imaxe exterior e os impactos paisaxísticos en edificios e equipamentos municipais, tal e como explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Durante unha visita ás actuacións levadas a cabo no concello de Begonte, no que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, a conselleira lembrou que esta liña de subvencións se convocou inicialmente cun orzamento de 600.000 euros, pero que “dada a boa acollida das axudas” se ampliou en 200.000 euros máis para levar a cabo 53 actuacións. De feito, segundo aseverou Ángeles Vázquez, non se puideron atender máis peticións porque o crédito esgotouse o mesmo día de apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

No caso concreto do Concello de Begonte, leváronse a cabo un par de actuacións ao abeiro das dúas liñas de financiamento. Por unha banda, tal e como explicou a conselleira, restaurouse a antiga escola municipal coa limpeza de fachadas, a instalación dun revestimento tipo SATE e de pezas de remate nas carpinterías, a substitución de baixantes existentes por outras de aluminio lacado e o revestimento da escaleira con morteiro e cun pavimento de gres.

E, por outra banda, actuouse nunha fonte de pedra catalogada e na súa contorna. Neste caso construíuse una nova soleira para solventar o desnivel existente e revestiuse con pezas de pedra as pías da fonte e do lavadoiro anexo.

No que respecta á distribución das axudas por provincias, 9 concellos coruñeses recibiron algo máis de 225.000 euros; en Lugo, concedéronse case 240.000 euros para actuacións en 16 municipios; 15 localidades ourensás contaron con preto de 300.000 euros, e en Pontevedra 2 concellos contaron cun financiamento de 36.000 euros.