Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Rueda visita Agroamb como exemplo de proxecto estratéxico

Por 19 Novembro, 2022Novembro 21st, 2022Sin comentarios

O presidente da Xunta destacou onte os proxectos estratéxicos que combinan innovación e sustentabilidade coa posta en valor dos piares tradicionais da economía galega. Alfonso Rueda resaltou este apoio do Goberno galego á iniciativa privada respectuosa co medio ambiente na visita que fixo ás instalacións de Agroamb para coñecer de primeira man o proxecto de desenvolvemento dun polígono agroambiental.

Alfonso Rueda botou man da memoria para loar a figura de Severiano Ónega, fundador dunha empresa que agora continúa nas mans dos seus herdeiros e que hai máis de dúas décadas comezou a comercialización de fertilizantes a partir dos residuos orgánicos das granxas. Hoxe, Agroamb é unha compañía punteira que quere dar un paso máis no eido da economía circular coa creación dun polígono agroambiental da man de Enagás Renovables e Genia Bioenergy. “Son grandes empresas que están unindo as súas forzas e estamos convencidos de que o resultado vai ser moi bo”, indicou o presidente da Xunta, quen animou tamén a aproveitar “o gran potencial” que Galicia ten na industria agraria.

Alfonso Rueda fixo fincapé no apoio que Agroamb tivo sempre da Administración autonómica e confirmou ese compromiso resaltando que a planta de biometano, que é o primeiro piar do proxecto agraombiental, conta xa coa declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria por parte do Consello da Xunta. “En Galicia temos moitas posibilidades coas enerxías renovables e os primeiros que o fagan irán con vantaxe”, subliñou.

Incidiu, ademais, na aposta do Goberno galego pola descarbonización da economía promovendo proxectos como o de Agroamb ou impulsando a posta en marcha de iniciativas estratéxicas que forman parte da Axenda Enerxética 2030, con case 17.000 millóns de euros en investimento público-privado e que persegue o obxectivo de converter Galicia nun territorio neutro de carbono no ano 2050, ademais de facer da Comunidade un polo enerxético innovador e consolidar unha industria eficiente e sustentable en termos climáticos. “Creo que estamos acertando coa nosa aposta por estes proxectos”, dixo Rueda.

O agro como exemplo

Alfonso Rueda destacou a solvencia deste obxectivo poñendo como exemplo as boas prácticas que xa se están aplicando no agro galego, coa posta en marcha de medidas que buscan unha xestión sustentable e eficiente das dexeccións gandeiras “sen perder nunca a perspectiva das particularidades do noso campo”, indicou.

Entre esas medidas figura a futura lei galega para regular as dexeccións gandeiras, as axudas da Consellería do Medio Rural para a adquisición de cisternas con sistemas de aplicación de xurros ou melloras na xestión do agro para acadar resultados máis sustentables que veñen recollidas na Lei de recuperación da terra agraria, nas concentracións parcelarias, no Plan de pastos ou na posta en marcha dun centro para o impulso da economía circular.