Skip to main content
Axenda CaducadaCospeito

Cospeito celebra o próximo sábado a Feira do Porco de Ceba

Por 19 Novembro, 2022Novembro 21st, 2022Sin comentarios

O Concello de Cospeito vivirá o próximo sábado, 26 de novembro, unha nova edición da Feira do Porco de Ceba, a XXXIII, que manterá a tradicional programación e que contará con diferentes actividades complementarias en Feira do Monte.

Esta tradicional celebración desenvolverase na praza da feira nunha carpa instalada para tal fin e na que haberá premios aos mellores exemplares e un agasallo para cada gandeiro participante.

Entre os asistentes sortearase unha parella de porquiños e unha cesta de Nadal e haberá tamén degustación de produtos típicos do porco a partir das 11.00 horas.

A feira abrirá as súas portas ás 8.00 horas e están invitados a participar no concurso todos os animais que entren antes das 10.30 horas. Unha vez feita a deliberación do xurado, farase entrega dos premios ás 13.00 horas, que consistirán en 180, 120 e 150 euros para os tres primeiros animais valorados. Tamén se repartirán outros catro de 60 euros cada un.

Paralelamente, haberá outro tipo de actividades. Así, abrirase ás 10.00 horas o apartado musical con Asubíos da Chaira. Durante toda a xornada haberá un Festival de Música Rexiontal Galega e, ás 20.30 horas, na casa da cultura, terá lugar o festival de corais coa participación das de Palas de Rei, Airiños do Mar de Barreiros e Virxe do Monte de Cospeito.