Skip to main content
Guitiriz

A Deputación aporta 130.000 euros ao Concello de Guitiriz para crear unha senda peonil

Por 12 Novembro, 2022Novembro 13th, 2022Sin comentarios

O presidente, José Tomé Roca, asinou onte coa alcaldesa, Marisol Morandeira, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega practicamente a totalidade do investimento necesario para acometer o proxecto, que “mellorará a seguridade e a comodidade dos veciños e veciñas.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres xunto coa alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira Morandeira, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta ao Concello 130.000 euros para mellorar a seguridade e a accesibilidade da rúa Manuel María coa creación dunha senda peonil.

Esta vía conecta o centro da vila con servizos básicos como o Centro de Saúde e o instituto. A achega da Deputación representa máis do 98% do investimento necesario para sacar adiante esta actuación, á que o Concello dedica 2.000€, polo que o importe total ascende a 132.000€.

O acto de sinatura do convenio celebrouse na propia rúa Manuel María, coa presenza do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, concelleiros e concelleiras da Corporación municipal e tamén veciños e veciñas do municipio.

José Tomé subliñou que se trata “dunha actuación realmente importante” porque esta rúa non conta a día de hoxe cun espazo específico para o paso dos viandantes, e ten moito tránsito, xa que dá servizo a vivendas e comunica co ambulatorio e o instituto. Polo tanto, o paseo peonil “redundará na mellora da seguridade e da comodidade dos veciños e veciñas”.

Puxo en valor o presidente a axilidade coa que traballa a Deputación de Lugo, sinalando que “hai xusto unha semana acordamos na Xunta de Goberno colaborar con Guitiriz para facer un paseo peonil nesta rúa Manuel María, e hoxe estamos aquí asinando o convenio que fará realidade esta colaboración”. Agora o Concello xa pode licitar as obras de inmediato.

Durante o acto, o presidente felicitou tamén a alcaldesa por este proxecto, que demostra, dixo, a súa “preocupación e o teu traballo constante polos veciños. Un excelente traballo que estou convencido de que che recoñecerán”.

Preto de 4,5M€ da Deputación en Guitiriz

O presidente enmarcou esta iniciativa na “cooperación, intensa e continua, que mantemos co Concello de Guitiriz e que, en cifras, tradúcese en case 4,5M€ só no que vai deste mandato”. Unha cantidade que segundo explicou Tomé Roca “demostra claramente o compromiso que temos co Concello, coa alcaldesa e cos veciños e veciñas de Guitiriz”, pero tamén “pon de manifesto que, a día de hoxe, somos unha Administración esencial para achegar os servizos públicos á xente, especialmente ante os recortes que vén aplicando a Xunta de Galicia”.

“Sempre digo que a Deputación é o Concello dos Concellos, e nesa liña vamos a seguir: traballando e colaborando con todos os concellos da provincia na medida das posibilidades da institución, sen mirar cores políticas, senón sempre ao servizo da xente”, recalcou o mandatario provincial.