Skip to main content
Meira

Escolares de Meira participaron nunha xincana organizada pola Oficina de Turismo

Por 13 Novembro, 2022Sin comentarios

Durante esta semana do luns 7 ao venres 11 de novembro, o CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz participou nunha xincana organizada polo Concello de Meira, por medio da Oficina de Turismo, e en colaboración coa parroquia de Meira.

A proba estivo organizada en dúas modalidades distintas: unha na que participou o alumnado de educación infantil centrada no outono, buscando follas e froitos das árbores autóctonas, así como grafías das mesmas e xogos de sons, cores e cancións. Ao remate, o alumnado levou unha ficha co rosetón da igrexa a modo de mandala para traballar na clase de múltiples formas artísticas e plásticas.

A segunda modalidade, orientada para o alumnado de primaria, consistía na busca de pistas agochadas con información sobre Meira, o mosteiro, o nacemento do río Miño, xeografía de Galicia, respostas en inglés, algunha adiviñanza e un experimento químico.

Ao remate desta, ao igual que o alumnado de infantil, os participantes levaron un folleto de Meira de novo deseño con pasatempos adaptados á súa idade.

As probas tiveron lugar na igrexa de Meira, por ser parte do antigo mosteiro cisterciense (BIC desde 1931) e por ofrecer unhas fantásticas condicións para ocultar as pistas, evitar as inclemencias do tempo e garantir a seguridade do alumnado non tendo problemas co tráfico.

O alumnado descubriu dunha forma diferente información da vila e da súa contorna.

Dado o exitoso resultado de dita xincana, e a colaboración da parroquia de Meira, o Concello contempla a posibilidade de incorporar esta actividade como complemento das visitas guiadas, rutas de sendeirismo e demais propostas ofertadas aos centros educativos.