Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O BNG de Outeiro afirma que o alcalde impediu tratar unha moción no último pleno

Por 7 Novembro, 2022Sin comentarios

Os concelleiros nacionalistas de Outeiro de Rei fixeron chegar a súa protesta  polo sucecido no pasado pleno celebrado o venres 28 de outubro, “o alcalde dun xeito totalmente arbitrario e sen dar ningunha razón, decidiu que non se debatera, e polo tanto que tampouco se votara, o cuarto punto da orde do día, unha moción do BNG”.

“O señor Pardo non xustificou en ningún momento tal actuación, senón ao contrario, tan só manifestou que ese punto non se trataba e que se pasaba ao punto seguinte. Trátase dun intento máis de acalar á oposición feita polo BNG, pois xa levaba varios plenos queixándose que presentábamos demasiadas propostas e iniciativas”, aseguran.

Explican que en Outeiro de Rei tan só se celebran seis plenos ordinarios ao ano, que é onde os grupos da oposición poden presentar mocións. “Se o alcalde, arbitrariamente, tan só nos deixara presentar unha moción por pleno serían só seis propostas as que poderiamos facer en todo o ano, número totalmente insuficiente para poder facer o noso traballo de oposición e de fiscalización do traballo municipal”, din.

Alegan que neste pleno concretamente, a orde do día era moi cativa, pois tan só había dous puntos de trámite presentados polo Goberno, unha moción do PSOE e dúas do BNG. De feito, a duración total do pleno foi aínda máis curta do normal, non chegando á hora de duración, co que a desculpa de ter un pleno longo tampouco se pode aducir nesta ocasión. “Xa sabíamos que estaba molesto coas propostas que viñamos facendo dende o BNG, pero aínda así, nunca pensamos que ía a chegar a transgredir a lei e vulnerar deste xeito os dereitos democráticos dos concelleiros e concelleiras da oposicións”, dixo Xosé Ferreiro.

O BNG volverá a promover un regulamento de funcionamento dos plenos

“Precisamente por ese motivo, a falta de regulación do funcionamento dos plenos, o BNG xa ten presentado noutras ocasións propostas de regulamento de funcionamento, propostas que sempre chocaron coa oposición do alcalde”, din.

Dese xeito, o BNG comprométese a seguir traballando para que haxa esta regulación, democrática e consensuada, “para que así ningún alcalde, sexa do partido que sexa, poida facer un uso abusivo e antidemocrático do seu cargo”.

“Dende logo, dende o BNG no imos aceptar esta vulneración dos nosos dereitos, que son os mesmos que os dos cidadáns aos que representamos. Con este obxectivo, estamos a estudar todas as posibles actuacións xurídicas e políticas para poder facer as propostas que creamos convenientes para que o Alcalde non consiga acalarnos. Somos a voz de moitas veciñas e veciños e non consentiremos que Pardo a tape”, rematou dicindo o concelleiro do BNG Xosé Ferreiro.