Skip to main content
Axenda CaducadaVilalba

Vilalba retoma este venres a escola de igualdade para falar de violencia vicaria

Por 10 Novembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Vilalba continúa coa súa axenda de actividades que conforman a programación de actos para o conmemorar do Día Internacional contra a Violencia de Xénero do próximo 25 de novembro coa celebración, este venres, da primeira das conferencias previstas dentro da Escola de Igualdade de Vilalba. 

A Casa da Cultura acolle, ás 19:00, unha charla impartida por Cristina Pérez Salgado, delegada de Violencia de Xénero do Colexio de Avogados de Lugo, baixo o título Que é a violencia vicaria?, onde se afondará sobre este tipo de maltrato que ten como obxectivo facer dano á muller a través dos seus seres queridos, especialmente dos seus fillos e fillas. 

A Escola de Igualdade, o espazo de formación, prevención e sensibilización contra as violencias machistas e en pro da igualdade propón tamén para o día 19 dúas novas charlas que invitarán á reflexión. A partir das 10:30 horas será Sergio Orduña Alonso, maxistrado-xuíz titular do Xulgado de Violencia de Xénero en Lugo o encargado de impartir a conferencia baixo o título Menores e violencia de xénero, mentres que ás 12:00 horas Verónica Marcos Arrojo, presidenta de Fademur Galicia, falará sobre As mulleres rurais fronte a violencia machista.

A ampla programación do Concello de Vilalba de cara ó 25N arrincou o pasado sábado coa proxección no Auditorio Municipal Carmen Estévez da longametraxe Onde máis doe, un documental escrito e dirixido por Manane Rodríguez que narra o cruel asasinato por parte dun pai maltratador do seu fillo de 11 anos.