Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca TERRACHÁXAQuiroga

Seis centros escolares da provincia incorpóranse ao programa Radio na biblio

Por 7 Decembro, 2022Sin comentarios

A Xunta de Galicia vén de incorporar 30 novos centros educativos no programa Radio na Biblio, seis deles da provincia de Lugo, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades se eleva a 167 neste curso. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe).

O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. Para iso, os seis centros percibirán unha asignación de 2.000 euros T. Trátase do CPI de Cervantes, o CEIP Santo de Estevo de Parga (Guitiriz), o IES Sanxillao de Lugo, o CEIP Avelino Díaz de Meira, o CEIP de Palas de Rei e o IES de Quiroga.

No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán 500€ cada un para a realización de obradoiros de formación específica, en materia técnica para o funcionamento da emisora de radio, a elaboración de producións radiofónicas ou o desenvolvemento de competencias mediáticas a través da radio ou sobre lectura expresiva ou mellora da expresión oral.

Plan LÍA

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2021/2025 de Bibliotecas Escolares, que contempla o reforzo dos programas que inciden na formación do alumnado no seu acceso aos medios de comunicación, como é o caso, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.

A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento de competencias clave a través de tarefas complexas que involucran diversas habilidades e destrezas, permitindo o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.

Bibliotecas solidarias

Tamén no marco do Plan LÍA, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de convocar o programa ‘Bibliotecas Escolares Solidarias’, co obxecto de estimular e recoñecer o voluntariado cultural entre o alumnado e as súas familias. Esta iniciativa desenvólvese en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude.

No caso dos centros de Primaria seleccionaranse un máximo de 10 experiencias de voluntariado cultural dentro ou fóra do centro, desenvolvidas por escolares de 5º e 6º desta etapa educativa. No caso dos de Secundaria e outras ensinanzas, poderán solicitalo as bibliotecas dos centros cuxo alumnado participe en actividades de colaboración relacionadas coa biblioteca ou de lectura compartida ou traballo coa información, dentro e fóra do propio instituto. Os estudantes recibirán un diploma outorgado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Dentro deste programa tamén se convoca o Selo Biblioteca Escolar Solidaria, un recoñecemento ao labor das bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. Poderán solicitalo todas as etapas educativas e outorgaranse un máximo de 15 selos de recoñecemento.