Skip to main content
Lugo

O CEI Nodus conta con 12 espazos dispoñibles para axudar a impulsar empresas innovadoras

Por 11 Decembro, 2022Decembro 12th, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo pon a disposición dos emprendedores e emprendedoras lucenses 12 espazos no Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) para impulsar novos negocios na cidade e apoiar o emprendemento local. “Actualmente contamos con doce espazos dispoñibles, adaptables ás necesidades de cada emprendedor e de cada actividade”, explicou a alcaldesa Lara Méndez durante unha visita a estas instalacións municipais, na que estivo acompañada pola edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira.

Entre os criterios que se avaliarán para a súa adxudicación figuran a solvencia técnica e económica do proxecto, o grao de innovación e compoñente tecnolóxico, así como o potencial de xeración de emprego, repercusión da iniciativa e a súa contribución ao desenvolvemento socioeconómico da cidade.

“En concreto, atópanse dispoñibles nove despachos situados no primeiro e segundo andar, de entre 32 e 64 metros cadrados; un laboratorio, de 104 metros cadrados, situado na pranta baixa; e dous talleres, de 62 e 93 metros cadrados, situados tamén na pranta baixa” explicou Méndez. “A maiores, neste intre, ata cinco empresas poden madurar a súa idea de negocio e traballar sobre o seu proxecto no semilleiro de empresas do que tamén dispón o CEI”, engadiu.

O Concello cede estes espazos por un periodo máximo de catro anos. O prezo varía entre os 63 euros anuais, durante o primeiro ano, no caso dos despachos, ata os 157 euros no caso do laboratorio. Estas contías increméntase cada anualidade, acadando un prezo máximo, no cuarto ano, de 179 euros para os despachos e de 399 para o laboratorio.

Neste senso, a rexedora destacou que se trata de alugueres “moi por debaixo do prezo de mercado”, e salientou a iniciativa do Concello de exonerar do prezo público “ás empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base tecnolóxica (IEBT) durante 12 meses, prorrogables por outros 12 meses máis, no caso de incorporación de persoal técnico”.

Cada un dos espazos dispón de mobiliario básico (mesas e cadeiras de traballo, caixoneiras e armarios con chave), están provistos de calefacción e dispoñen así mesmo de preinstalación eléctrica, auga (locais en planta baixa e nalgún despacho), teléfono e Internet por Wifi. Ademais, o chan dos despachos ven de ser renovado recentemente e dispón de zócalo técnico para pasacables.

As e os interesados poden presentar a súa solicitude para a ocupación dun espazo cubrindo o modelo xenérico de e presentándoo a través do rexistro presencial ou telemático do Concello, así como nos rexistros previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Un centro punteiro e referente na provincia

O CEI conta cun equipamento completo en canto a infraestruturas tecnolóxicas e da comunicación. Por iso, un dos servizos a disposición dos titulares das autorizacións de uso dos módulos é a conexión gratuíta a internet a través de Wifi.

Do mesmo xeito o CEI Nodus conta con medidas de aforro e de eficiencia enerxética e cun sistema de control de acceso por tarxeta de proximidade, que permite o acceso ao centro as 24 horas do dia, 365 días o ano, ademais dun sistema de videovixiancia por circuíto pechado de televisión e control de accesos, contando así mesmo, cun sistema de detección e alarma automática de incendios e dun sistema de alarma, intrusión e roubo, complementado por un servizo de vixianza privada en horarios “non laborais”.

Existen, ademais, numerosos espazos para uso común como unha zona de recepción, información e servizo técnico, un espazo axardinado para desenvolver actividades de coworking no exterior, sala multiusos con zona de descanso, aula de formación con capacidade para 30 alumnos, aula TIC con equipos conectados en rede, Salón de Actos cun aforo para 70 persoas dotada con medios audiovisuáis e sistema de tradución simultánea, sala de reunións con capacidade para 12-15 asistentes, sala multiusos de Coworking e formación con  20 postos de traballo, cafetería e aparcadoiro para 200 turismos.