Skip to main content
Lugo

O Concello continúa co proceso de participación cidadá para a transformación do Centro Histórico

Por 16 Decembro, 2022Sin comentarios

O Concello continúa co proceso de escoita e participación que se iniciou en novembro para avanzar, co máximo consenso posible, na transformación que está a impulsar no Centro Histórico. Un cambio que virá da man non só de tres ambiciosos proxectos de peonalización que contan con financiación europea, senón tamén coa implantación dunha Zona de Baixas Emisións na contorna e coa modificación da Ordenanza Municipal de Circulación que afectará a toda a cidade.

Precisamente, ao abeiro dese procedemento participativo, tiveron lugar, ata a data, diferentes reunións con representantes da hostalería e do comercio, entre outros colectivos, así como cos técnicos municipais. Esta última xuntanza se dedicou a atender as inquedanzas das persoas residentes neste barrio da capital. Un encontro que se celebrou, cun elevado aforo, no Centro Cívico Uxío Novoneyra.

A rexedora lucense valoraba moi positivamente o intercambio de opinións que se realizou durante o mesmo “porque nos permitirá completar, coa perspectiva de quen vive nesta área, as medidas que resulta necesario implementar para mellorar a convivencia e a compatibilidade de actividades que sen dan intramurallas co obxectivo de incrementar o confort e o benestar de toda a poboación”, sinalou Lara Méndez.

A alcaldesa agradeceu a asistencia ao acto “en tanto nos permitiu achegarlles de primeira man, con todo o rigor e a información correcta e detallada, aspectos tan importantes como o calado das obras que se van realizar e a súa previsible cronoloxía e desenvolvemento, pero tamén aspectos técnicos relativos á creación da ZBE que a mesma consultora adxudicataria do proxecto explicou, incidindo na obrigatoriedade de acometela e desmontando temores sobre as repercusións que terá a súa entrada en vigor”.

Igualmente, Méndez comprometeuse a estudar a viabilidade das propostas realizadas no transcurso do debate no que os tenentes de alcaldesa, o voceiro do Goberno local, Miguel Fernández e a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, tamén trataron de dar resposta ás dúbidas expostas sobre diferentes cuestións relativas á habitabilidade nesta parte da capital.

Para concluír, a rexedora abriu a posibilidade de manter unha segunda reunión veciñal no barrio do Centro Histórico e lembrou que o proceso participativo segue aberto, convidando á cidadanía a presentar as súas suxestións a través do correo axenda.urbana@lugo.gal.

A implicación social é, para nós, tremendamente relevante, porque temos a firme vontade de que as actuacións que executemos gocen do beneplácito xeral, por iso continuamos receptivos ás súas opinións co obxectivo posto en seguir gañando espazos para as persoas, reducindo o tráfico e renaturalizando as contornas para minorar a contaminación, os niveis de ruído e a presión sobre o patrimonio pero, sobre todo, para mellorar a calidade de vida e dinamizar social e economicamente o Centro Histórico”, conluíu Lara Méndez.

Comisión Consultiva de Prazas e Mercados 

Lara Méndez tamén vén de constituír a Comisión Consultiva de Prazas e Mercados do Concello de Lugo para atender as reivindicacións do empresariado asentado nestas dependencias municipais.

Mantiveron unha primeira reunión na que estiveron presentes tanto a concelleira de Participación Cidadá como unha representación das e dos praceiros que amosaron o seu interese por debater, nunha próxima sesión, a modificación da Ordenanza municipal correspondente, especialmente no relativo ao horario dos seus negocios.

Así mesmo, Méndez contestou algunhas das preguntas que lle realizaron, entre outros asuntos, relacionados coa carga e descarga na zona. Aspectos que tamén serán tidos en conta no estudo que a rexedora xa está a realizar ao abeiro da implantación dunha Zona de Baixas Emisións do Centro Histórico e que quere consensuar con todos os sectores implicados.