Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

A Casa do Saber acolle hoxe un concerto do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’

Por 19 Decembro, 2022Sin comentarios

O dúo Petit Mort, composto pola soprano Natalia Labourdette, acompañada ao piano de Victoria Guerrero, ofrecerá hoxe, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto no marco do ciclo Músicas a carón da Mosqueira, promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo. A entrada a este concerto é libre e de balde ata completar aforo.

Despois de debutar por separado na Schubertiada de Vilabertrán en 2018, Labourdette e Guerrero foron convidadas en 2019 para ofrecer un recital como dúo na Schubertiada de Valdegovía. Desde entón ofreceron recitais invitadas pola Richard Wagner Verband Berlin Brandenburg (2019), e por Dietrich Henschel participando no festival Internationalen Liedkonzert Berlin (2020), da Deutschlandfunk Kultur (radio), cantando sen público e emitindo en directo desde o Theater mi Delphi Berlín. Logo desta xa ampla experiencia, o dúo Petit Mort presenta en Lugo un programa completo que inclúe composicións de Berg, Poulenc, Fauré, Milhaud e Turina.

Natalia Labourdette

Nada en Madrid, esta soprano estudou violín na súa cidade natal e canto na Universidade das Artes de Berlín. Foi galardoada nos concursos internacionais de Logroño, Riccardo Zandonai e Nuevas Voces de Sevilla. Debutou en 2016 como Oscar de Un ballo in maschera nos teatros Jovellanos de Xixón, Dante Alighieri de Ravenna, Comunale de Ferrara e Municipale de Piacenza, onde tamén interpretou a Rosina de Il Barbiere di Siviglia un ano despois.

Debutou en teatros como o Teatro de la Maestranza (Nannetta en Falstaff, Charlotte en Der Diktator, Bubikopf en Der Kaiser von Atlantis e Despina en Così fan tutte) e o Teatro Real (Tebaldo en Don Carlo en 2019 e 2nd Niece en Peter Grimes en 2021). Convidada a diversos festivais de Lied, Natalia Labourdette tamén cantou repertorio puramente sinfónico con varias orquestras (Orquesta RTVE, Real Orquesta Sinfónica de Sevilla,Orquesta Ciudad de Granada…)

Victoria Guerrero

Galardoada co premio á mellor pianista nos prestixiosos concursos Das LiedInternational Song Competition, en Heidelberg (2017) ou ‘Paula Salomon-Lindberg -Liedwettbewerbs, na Universität der Künste Berlin (2015), esta pianista conta cunha extensa formación como solista, consolidada en Alemaña. Actualmente, dedícase exclusivamente ao repertorio de lied, o que a levou nos últimos anos a traballar como pianista dentro do departamento de canto da Universität Mozarteum de Salzburgo.

Victoria Guerrero desenvolveu estudos de máster en Liedgestaltung da man dos profesores Pauliina Tukiainen e Matthias Alteheld na Hochschule für Musik Freiburg e posteriormente o posgrao ‘Solistenexamen’, co prestixioso pianista Hartmut Höll na Musikhochschule Karlsruhe. Tamén realizou multitude de cursos de perfeccionamento con liederistas de prestixio como Helmut Deutsch ou Wolfgang Rieger, entre outros.

Alén da súa corta idade, Guerreo foi galardoada coas bolsas FrauenFörderStipendium e Asociación de Juventudes Musicales de Madrid, ademais de ter actuado como artista convidada en varios ciclos de lied como o Bonner Schumannfests im Schumann-Haus en Bonn, dentro do Festival im Frühling, en Heidelberg, ou no ciclo LiederAbend.de, en Friburgo.