Skip to main content
Lugo

Comezan as obras de rehabilitación do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes

Por 26 Decembro, 2022Sin comentarios

Inicia as obras de rehabilitación integral do instituto IES Nosa Señora dos Ollos Grandes cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta maña o centro para comprobar o inicio dos traballos que, debido ás condicións climatolóxicas destes días, arrancaron no interior do edificio.

Román Rodríguez explicou que esta é unha das dez actuacións en materia de mellora de infraestruturas educativas que ten en marcha a Consellería na cidade de Lugo cun orzamento de case 12M€ que, en palabras do conselleiro, “son o mellor exemplo do compromiso do Goberno galego con esta cidade no que atinxe a esta área concreta”.

Ademais da dos Ollos Grandes, o conselleiro referiuse a obras como a rehabilitación integral do colexio Paradai e dos institutos Anxel Fole e Lucus Augusti, entre outros. Tamén se referiu á instalación da central de biomasa que dará servizo a un complexo integrado polo Ollos Grandes, o Lucus Augusti, o Politécnico e o colexio Anexa, cuxa obra xa está adxudicada e iniciados os traballos previso de replanteo.

As obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses, están enfocadas á acadar unha maior eficiencia enerxética e unha mellor funcionalidade do edificio. Para elo, os traballos seguen as especificidades técnicas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para acadar colexios e institutos máis innovadores, confortables e sostibles.

Así pois, no que atinxe á eficiencia enerxética, a actuación abrangue a substitución das carpintarías exteriores de aluminio por outras de madeira, o cambio do falso teito por outro de placa de xeso laminada, a instalación de illamento térmico en toda a fachada do edificio, así como de luminarias tipo LED.

En canto á funcionalidade do edificio para adaptalo ás actuais necesidades do centro, vanse ampliar dúas aulas e construír unha zona de aseos novos na segunda planta do edificio. Tamén se reestruturarán os espazos das salas de xuntas e da de profesores para gañar máis espazo para a biblioteca escolar. Ademais, co fin de evitar humidades e acadar un maior confort, crearase un circuíto de ventilación na zona do ximnasio e dos departamentos anexos e pintaranse os paramentos interiores e exteriores.