Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

José Manuel Peón Peña, In Memoriam

Por 21 Decembro, 2022Sin comentarios

Por Agustín Baamonde Díaz

O día 5 de decembro de 2021, ademais dun día pesado de finais de outono, foi unha xornada triste para moita xente de Vilalba. Foi o día en que finou José Manuel Peón Peña, Xose do Peón. O Xose era unha persoa singular. Amigo, coma quen di, de todo o mundo. E se tiña algún inimigo, que eu non coñezo, sería por aplicación inexorable daquel vello proverbio: “se cres que non tes inimigos porque a ninguén fixeches inxuria, non che faltarán os que o sexan por envexa”. Quizais hai quen pensa que el mesmo era o seu propio inimigo, mais iso non é certo. El era como era, porque era así: “peculiar” e auténtico, sempre consecuente e leal cos demais e coa súa propia forma de ser.

Naturalmente, eu non escribo para xulgar, nin sequera valorar, a súa traxectoria vital. Pasado un tempo, simplemente considero un deber de xustiza deixar constancia do sentimento de pesar que, creo que a moitos, nos deixou a súa perda, e facer testemuña de afecto e recordo a unha persoa que, precisamente por ser como era, foi quen de facerse co corazón de tanta xente que tivo a oportunidade de coñecelo e tratalo. Por iso escribo tratando de fuxir dos tópicos e de expresar, dende o cariño, a miña particular visión dun home aparentemente sinxelo, mais realmente complexo. 

O que a min me queda del é que era calquera cousa menos convencional. Máis ben, un espírito libre, vitalista, de moitos matices, incluso contrastes, que se movía entre un optimismo recalcitante e un pesimismo impenitente, sen que iso supuxera contradición algunha porque Xose era desas raras persoas capaces de levitar sobre a realidade. Namorado e virtuoso do regateo futbolístico, tiña tamén na vida real unha facilidade máxica para relear, sorteando sempre tanto as venturas como as desventuras, foran propias ou alleas. Por elo o seu sino foi sempre ir e vir…e volver.

Todo o mundo sabe que era sociable por natureza e que coñecía ben Vilalba e á súa xente. Non hai que esquecer que medrou naquel punto de encontro de vilalbeses que era o mítico BAR PEÓN, lugar de rondas inacabables de viños que, entre intensos debates políticos pola mañá, acaloradas partidas de cartas pola tarde e inesquecibles tertulias de terraza nas noites de verán, alumeou innumerables vivencias e anécdotas que o convertían en espello no que se reflectía a realidade social da vila, sendo unha escola de vida impagable para el.

Con tales antecedentes e co seu carácter afable (“tratible”, que diría seu pai), e incapaz de facer mal a ninguén, quen podía non querelo? Xose, Pi, era o que se di un auténtico crack, capaz de transmitir alegría alí onde estivera. Ocorrente e imaxinativo como poucos, sempre tiña a expresión, a forma ou o xesto oportuno para dinamitar o tempo e crear un ambiente cordial e de “bo rollo” en calquera momento, en calquera lugar e con calquera xente coa que se atopara. E por iso a súa perda deixa un sorriso de nostalxia ante a lembranza dos seus chascarrillos, as ocorrencias e as historias peculiares, tantas e tan variadas que cada cal podería contar a súa sen esgotar o repertorio.

Do seu corazón aberto e xeneroso fala mellor que nada a fonda pena dos usuarios e usuarias do Centro de Formación Ocupacional, onde traballaba, cando coñeceron o seu pasamento. Pero como dicía antes, o Xose tiña outra faciana máis complexa e máis difícil de coñecer porque tan só facilitaba o acceso a ela a xente de confianza. Unha faciana que non sempre rimaba cos convencionalismos sociais porque respondía a conviccións profundas propias dun home intelixente, de vasta cultura e alta capacidade para o razoamento e a análise. Tal vez alguén se sorprenda (quen o coñecían, non) se digo que no debate aberto era un duro polemista, difícil de rebater porque manexaba tódolos paus da baralla e podía falar de case todo: dáballe igual o deporte, que tanto amaba, como a Guerra Civil (confeso que me deixaba impresionado o coñecemento que tiña da obra de Preston, Thomas, Payne ou Pío Moa), como tamén lle daba o mesmo abordar a autores da literatura moderna que ós do Século de Ouro, o underground ou o mainstream… Xustamente esas capacidades e o seu pensamento aberto sumíano nunha loita permanente entre un mundo real que non lle gustaba en moitos sentidos e outro ideal que sabía de difícil realización, o que o levaba a unha complicada empatía co libertarismo, sendo como era defensor acérrimo da liberdade individual fronte a calquera outra consideración, con máis inclinación realmente cara á acracia que cara á anarquía (distinguindo perfectamente a sutil diferencia que separa ambos conceptos). Certo é que vivía nun mundo de contrastes e matices que o levaban a voar sobre a realidade, ás veces baixando dela, ás veces sacando un punto de rebeldía que o facía resignadamente inconformista… Podía ir e vir, pero sempre volvía, e precisamente esa capacidade para moverse no fío da navalla, soñador e fatalista ao mesmo tempo, á vez que alegre, bondadoso e volcado cos máis, era o que o convertía nun suxeito orixinal, único e irrepetible, deses que o seu recordo sempre resulta emotivo.

A súa devoción por figura icónicas como Garrincha, Camarón ou Los Enemigos, persoeiros de vida complexa no persoal pero xenios indiscutibles cada un no seu, e idolatrados por moita xente, axuda a comprender, sequera en parte, a personalidade do Xose.

El foise, pero a súa memoria e recordos permanecen indelebles. Alí, no lugar da eternidade en que se atope, aínda o imaxino tanto tirándolle un penalti ó Demo ó estilo Panenka como facéndolle un caño a San Pedro para entrar triunfante no Ceo; ríndose e sen perder a flema en ningún caso. D.E.P.