Skip to main content
Guitiriz

A segunda vida para a tecnoloxía do pasado

Por 4 Decembro, 2022Decembro 5th, 2022Sin comentarios

Pepe de Pígara dedícase dende hai 58 anos á restauración da maquinaria representativa do séculos XIX e XX nun museo que mantén aberto ao público na parroquia de Guitiriz e que leva no seu nome.

Alá polo ano 1964 Pepe de Pígara atopou un anaco dun reloxo de sol fundido en chumbo e algo  espertou dentro del. Arranxouno e converteuno na primeira peza dunha colección que agora, 58 despois, consta de máis de 300 pezas, a maioría obxectos de comezos dos sesenta, como motos, máquinas de coser, radios de lámpadas, un Seat Spider… todos eles teñen algo en común, son representativos da súa época, revolucionarios tecnoloxicamente na súa época. Todas estas pezas recuperaron unha segunda xuventude nas súas mans.

Pepe de Pígara, como o coñece todo o mundo, naceu como José Grandío González, na parroquia que leva o seu nome, fai 73 anos nunha familia labrega. A situación da época levouno, como moitos outros, á emigración, primeiro a Ferrol e logo a Barcelona, pero non perdeu a súa vinculación con esta zona de Guitiriz. Os primeiros anos dedicounos a traballar cando había tempo libre, aprendendo sobre a marcha e incluso facendo horas nun taller de restauración. Todo isto foi feito de forma autodidacta, “o que fixo que aprendera moito” porque a súa profesión non ten nada que ver.

Hai 18 anos, coa súa xubilación na man, regresou a Pígara e converteu a súa afección pola restauración de obxectos no seu motor de vida. Unha herdanza puxo nas súas mans unha finca na que edificou a súa vida actual, a súa residencia e máis un amplo espazo para expoñer as pezas que segue a restaurar día a día.

Como lle gusta sinalar, non se trata de comprar obxectos antigos, a súa afección consiste en darlles unha segunda vida. Aínda que non fan o seu labor, si volveron todos a funcionar, agás, “unha que non me atrevo a poñer en marcha, unhas luces de carburo que van con gasolina e pode ser perigoso”, explícanos.

Algúns deste aparellos tecnolóxicos do século pasado non poden facer o seu traballo porque falta algunha peza que xa non existe ou non se pode substituír.

Esta afección fóiselle complicando un pouco cando Pepe comezou co seu museo para expoñer as pezas. Aberto ao público, os interesados poden contar coa visita guiada que ofrece o restaurador, especialmente a grupos, onde explica como fixo a súa recuperación ou como era o seu funcionamento.

Dentro do museo de Pepe de Pígara poden atoparse todo tipo de obxectos, moitos deles verdadeiros descubrimentos para a mocidade actual, pero que foron no seu momento revolucionarios. O traballo diario de Pepe non só consiste en seguir traballando na seguinte peza, tamén require dunha supervisión constante das pezas que están en exposición, como facerlles o regulamentario mantemento e a súa limpeza. “Eu téñoas á miña maneira, pero require estar coidando delas”, explica.

As súas preferidas son os reloxos e as máquinas de coser, como nos asegura, algunha delas do século XIX que está en funcionamento. De feito, unha das pezas que garda con máis agarimo é unha máquina de coser americana que data do ano 1886.

Ten Pepe de Pígara unha ocupación solitaria, que implica como di “un traballo de moita paciencia”. “A última hora da tarde, cando non teño xente por aquí é cando me centro na restauración, moitas veces ata as tantas da noite”.

Outra parte do seu traballo consiste en percorrer mercados e anticuarios na busca da seguinte peza á que dedicarlle o seu tempo. En moitas ocasións, son os propios coñecidos os que lle ofrecen algunha que as veces chama o seu interese.

Hai un grupo de pezas que causan sensación entre os visitantes, son os xoguetes dos avós. De feito, participou con estas pezas pequenas exposicións itinerantes pola comarca ou, as veces máis lonxe.

De todos os xeitos o traballo que realiza xa traspasou algunhas fronteiras e en moitas ocasións expón unha parte do seu traballo de restauración invitado por asociacións ou mesmo polo Concello. “Só movo unha parte porque trasladar toda a exposición sería moi complicado, xa que moitas das pezas non poden moverse a risco de romper”, engade.

Ten feito en Guitiriz unha mostra de pezas de cousas antigas e tamén outra de xoguetes que tiveron unha gran aceptación

Agora, con 73 anos, busca un futuro para todo o seu traballo. “Gustaríame que estivera nun sitio público para que o puidera apreciar quen quixera, porque aquí están nun lugar privado e vexo que a xente se retrae e as administracións parece que non se preocupan”, explica. “Isto podería crecer moito máis, é unha mágoa”, indica.