Skip to main content
Vilalba

Comeza a venda de entradas para a pista de xeo de Vilalba

Por 24 Decembro, 2022Decembro 26th, 2022Sin comentarios

O Concello de Vilalba anuncia a inauguración da súa pista de xeo este domingo 25 de decembro ás 17:00. A instalación, enmarcada no programa de Nadal, atópase na Praza da Constitución e está cuberta por unha gran carpa.

A pista de xeo estará aberta dende este domingo 25 de decembro ás 17:00 ata o 8 de xaneiro de 2023. A instalación abrirá todos os días no seguinte horario: de mañás de 11:00h a 14:00h e de tardes de 16:00h a 21:00h. Os patinadores/as deberán acudir 15 minutos antes do inicio da súa sesión para recoller o material.

As quendas son de 45 minutos aos que se suman 15 minutos para sacar os patíns. O prezo da entrada é de 5€ incluíndo o aluguer dos patíns, dispoñibles dende o número 26.

Facilitaranse cascos e apoios de patinador/a gratuitamente. Recoméndase levar material propio axeitado para este fin, xa que as unidades de cascos son limitadas.

Ademais, cada usuario/a deberá levar as súas propias luvas, que son obrigatorias para patinar. Non se permitirá o acceso ás persoas que non teñan luvas.

Reserva de entradas

Existen tres opcións para adquirir entradas, incluíndo unha opción con descontos por compras no comercio local.

Modalidade web:

As entradas poderán adquirse en liña cun custo de 5€ por persoa e sesión. Na propia web deberá indicarse día e hora. Entradas dispoñibles en: https://bit.ly/3VhMxTU

Modalidade presencial:

Neste caso adquiriranse nas taquillas da propia pista. O prezo dunha entrada individual será de 5 euros, debendo indicar día e hora.

Será posible optar a entradas con desconto por compras no comercio local. Neste caso a entrada terá un custo de 4 euros. Na taquilla deberá presentarse o tícket dunha compra mínima de 20 euros e o vale desconto de 1 euro (só se acepta un vale por entrada). 

Tamén se ofrecerán packs de 10 entradas por 40 euros, que implican un prezo por sesión de 4 euros. As entradas non son nominais, polo que poden ser empregadas por persoas distintas.

Entre as normas de uso da pista de xeo, prégase seguir as indicacións dos monitores/as, circular no sentido correcto e respectar as quendas, así como respectar ao resto das persoas usuarias.