Skip to main content
Ribadeo

Alumnado do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou na actividade Prensa para pensar

Por 26 Xaneiro, 2023Sin comentarios

Alumnado de 1º de Bacharelato e de 4º da ESO do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou nunha actividade titulada Prensa para pensar, coa xornalista Sara Carreira.

Un dos obxectivos desta charla foi escoitar de primeira man a experiencia e o traballo dunha xornalista, coñecer os elementos principais da construción das noticias e aprender a distinguir os distintos ámbitos e recursos que compoñen a información que recibimos a diario a través de diferentes medios e plataformas de comunicación.

Parte deste alumnado (un grupo de 1º de Bacharelato e outro grupo de 4º da ESO) traballarán na redacción de dúas reportaxes que serán publicadas na web de prensaescuela, e na que participan tamén outros dezaseis centros de distintos lugares das catro provincias galegas.

Tamén aproveitaron a charla e os consellos de Sara Carreira para coñecer e decidir o reparto de responsabilidades do equipo de Embaixadores/as junior do Parlamento Europeo. O centro forma parte deste proxecto desde o curso 2019-2020 e ten, entre os seus obxectivos principais, a difusión de noticias relacionadas co Parlamento Europeo e a xuventude; e son os alumnos e alumnas os encargados de dinamizar a través das distintas plataformas informativas ao seu alcance os contidos que consideren máis interesantes e actuais.

“Estamos convencidos de que esta actividade contribuirá na formación do noso alumnado na curiosidade da información e no sentido crítico necesario para discernir e valorar os argumentos e os contidos da realidade que se nos presenta desde moitas e variadas perspectivas”, dixo o profesor de Filosofía, J. Manuel Yáñez Dablanca.