Skip to main content
Folgoso do Courel

Melloran o xeomiradoiro do Alto do Boi e a Mina da Toca do Folgoso do Courel

Por 8 Xaneiro, 2023Xaneiro 10th, 2023Sin comentarios

O xeomiradoiro do Alto do Boi e a Mina da Toca foron mellorados grazas a un convenio de colaboración entre o Concello de Folgoso do Courel e a Axencia Turismo de Galicia, que levaron a cabo obras cun investimento de 29.000 euros.

As actuacións levadas a cabo na contorna do xeomiradoiro do Alto do Boi consistiron na instalación dun valado de madeira ao longo do camiño de acceso ao miradoiro. Tamén se creou unha zona de aparcamento e instalouse un panel interpretativo e un banco de madeira na zona do aparcadoiro. A intervención supón unhas vistas espectaculares do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel.

Pola súa parte, na Mina da Toca, no monte do núcleo de Piñeira, as obras consistiron na roza da matogueira existente nos accesos á mina. Fíxose a roza da matogueira, a recollida e apilado de residuos e a trituración e picado de restos nun sendeiro que enlaza o lugar de Piñeira coa Mina da Toca. Tamén se instalou equipamento de información e interpretación para facilitar o acceso á mina a través da colocación dunha mesa de interpretación.

A maiores, e co propósito de evitar caídas aos visitantes, colocáronse 80 metros de talanqueira e 3 sinais preventivas.

Revalorización dos recursos turísticos

Tal e como destacou a alcaldesa, Lola Castro, este proxecto supón a revalorización destes dous recursos turísticos do Concello de Folgoso do Courel.

Con estas obras búscase mellorar o acceso aos dous puntos de elevado interese turístico dentro do Concello de Folgoso do Courel que se atopaban nun deficiente estado de conservación, no caso do Alto do Boi por mor dos incendios de agosto do pasado ano.