Skip to main content
Quiroga

A Deputación de Lugo impulsa a iniciativa ‘Vieiros con vida’ para revitalizar a aldea de Vieiros, en Quiroga

Por 21 Xaneiro, 2023Xaneiro 24th, 2023Sin comentarios

A Asociación Proxecto Vieiros está a desenvolver un programa para consolidar e revitalizar a aldea de Vieiros, en Quiroga, proxecto no que Medio Rural da Deputación de Lugo participa a través dun convenio de colaboración.

Concretamente, o apoio céntrase no impulso da iniciativa ‘Vieiros con vida’ co que queren desenvolver un modelo sustentable de pastoreo que, ademais de xerar un recurso económico para o asentamento da poboación, contribúa á limpeza dos montes e á prevención de incendios.

A área dirixida por Mónica Freire achegará financiamento para as accións previstas pola entidade que reúne a veciños e propietarios dos terreos da aldea do Courel, converténdose así na única administración que está a dar respaldo a esta iniciativa. A achega de Medio Rural destinarase á adquisición de animais e elementos básicos para iniciar o proxecto de incorporación á actividade agrogandeira.

“Asesorándonos por persoal técnico, pretendemos incorporar ovellas e cabras que se encargarán, baixo a atenta mirada de dous mastíns e un burro, de coidar e limpar o monte. Os animais son a mellor ferramenta para evitar incendios como os que desaloxaron entre fume e cinzas aos habitantes do Courel”, explica Roi Estévez, responsable do proxecto e veciño de Vieiros, que apostou pola volta ao rural para habitar esta aldea que quedara despoboada.

A deputada Mónica Freire explicou que “proxectos como o de Vieiros son un exemplo de iniciativas viables, tanto dende un punto de vista social, como ambiental e económico. Son modelo de proxectos consistentes e perdurables no tempo que non precisan de grandes investimentos, pero que son reflexo dun modelo no que o pequeno é grande e que, conxuntamente con outros e no medio prazo, poden contribuír a reverter a situación demográfica do rural e especificamente das zonas de montaña como o Courel”.