Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

A Granxa Gayoso Castro recupera tras varios intentos a poxa de xatas preñadas

Por 15 Xaneiro, 2023Xaneiro 16th, 2023Sin comentarios

O centro de recría foi inmobilizado en dúas ocasións, pero os resultados finalmente foron negativos en todas as probas.

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, poderá por fin celebrar o día 11 a poxa de xatas na Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, despois de que fose aprazada en varias ocasións ao estar a granxa inmobilizada por falsos positivos e probas non concluíntes, que tras as análises preceptivas deron negativo. Finalmente, a partir das doce da mañá do luns, poderase poxar por nove xatas, 8 preñadas e unha parida, de máis de seis meses de idade e cun prezo de saída de 2.000 euros.

Desde Acruga mostran a súa satisfacción de que por fin se poida celebrar esta poxa aínda que lamentan as inmobilizacións sufridas ao longo de todo isto ano, que impediron seguir coa actividade habitual, e o que é peor, dar resposta á alta demanda de xatas. Ademais das cancelacións de poxas outro dos prexuízos causados por esta situación é que a inmobilización do centro de recría durante tantos meses impediu incorporar animais procedentes dos socios gandeiros; son exemplares de elevado valor xenético que serían aptas como reprodutoras e que, en cambio, van ao matadoiro coa perdida que iso supón para a raza e o prexuízo económica para os criadores.

Proba do que significou esta situación en varias ocasións ao longo do ano, é que o número de animais adxudicados en poxa durante o ano que acaba de terminar foi de 34, fronte ás 64 xatas vendidas no 2021. Isto, a xuízo da directiva de Acruga, tamén prexudica aos gandeiros, porque teñen dificultades para atopar animais de Raza Rubia Galega coas que repoñer os animais que descartan ou cos que aumentar o seu censo e poder crecer. Ademais, o número de animais dispoñibles para poxas durante o ano 2023 verase diminuído.

A pesar desta situación, desde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, móstranse convencidos de que se lograrán bos resultados. A clave é a calidade dos animais, froito do bo traballo de selección e de recría que leva a cabo neste centro. Os compradores coñéceno e téñeno claro á hora de comprar. Como é habitual, para incentivar aos posibles compradores, Caixa Rural ofrece unha axuda de 200 euros por exemplar. Os interesados poderán retirar a tarxeta a partir das once da mñana no mesmo recinto do centro de recría de Castro Ribeiras de Lea.

Un ano de inmobilizacións

Desde a directiva de Acruga explican que a primeira inmobilización deste 2022 produciuse o 10 de xuño como resultado dun saneamento, o que obrigou a cancelar unha poxa prevista para o día 11 en Moeche. Esta inmovilzacion impide ademais que asistan xatas á poxa nacional de Adai de xuño, a máis importante do ano. Non poden acudir tampouco xatas á Feiradeza de Lalín onde este ano Acruga presentábase por primeira vez. Finalmente, participou co concurso e a exposición, pero non puido levar a cabo a poxa prevista, como tampouco se puido realizar a que estaba programada para o 24 de xullo no Caurel.

Responsables de Acruga lembran que neste caso, o animal reacionante foi enviado a matadoiro e tras esperar os 45 días correspondentes os resultados foron negativos, polo que se realizaron de novo as probas a todo o rabaño, con resultados correctos o día 22 de agosto.

A primeira semana de outubro volve efectuar o saneamento e de novo resulta un animal reaccionante, o que obriga a outra inmobilización que leva a cancelar outra vez a poxa do Caurel prevista para o 16 de outubro. Ademais, esta situación impide a asistencia de xatas á poxa de Adai celebrada o 5 de novembro.

Seguindo o protocolo o animal envíase a matadoiro e tras 45 días repítese a campaña de saneamento cuxa lectura se realiza o venres 16. Todos os animais resultan negativos a tuberculina, polo que se programa a poxa na propia granxa Gayoso Castro para o día 21 de decembro.

Membros da directiva de Acruga explican que “cando se solicitan os certificados oportunos infórmannos de que ademais das probas de tuberculina correspondentes fíxose un sangrado de animais para leucosis bovina e perineumonía e que os resultados destas análises non estarán dispoñibles ata o venres día 23”; decídese entón aprazar a poxa ao día 26 xa que todo indica que os resultados serán negativos por tratarse de dúas enfermidades das que Galicia considérase libre.

A pesar diso, o venres 23 infórmase a Acruga que un dos animais lanzou un resultado á proba de leucosis bovina “non concluínte”, o que provoca a inmobilización do centro de recría á espera de que a analítica se repita no Laboratorio de Sanidade Animal de Algete, centro de referencia para esta enfermidade, o que provoca unha nova cancelación da poxa.
Finalmente, os resultados procedentes do devandito laboratorio foron negativos, polo que a poxa poderá por fin celebrarse o luns 16, a partir das doce da mañá.