Skip to main content
Muras

O alcalde de Muras acusa á empresa Urbas de ofrecer prezos irrisorios aos propietarios de Silán

Por 3 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O alcalde de Muras, o nacionalista Manuel Requeixo, acusou á empresa Urbas de ofrecer “prezos irrisorios” a propietarios dos terreos na parroquia de Silán para explotar un xacemento de feldespato.

Requeixo di que “os técnicos municipais están a revisar a documentación que presentou a empresa no Concello” e engadiu que “cando acaben de revisalos verase se se cumpre coa normativa”.

“Non temos información real no Concello; cando menos sorprende que se faga unha valoración do xacemento que hai alí”, advertiu e sinalou que “o que nos consta e que se está ofrecendo aos propietarios dos terreos, que teñen explotacións gandeiras prezos irrisorios”.

“Está a ocorrer algo semellante ao que ocorreu cando foi o inicio dos parques eólicos. Esperemos que non se repita nesta ocasión, a condición de que a empresa cumpra coa documentación que sexa correcta e estea en orde”, agregou.

Manuel Requeixo afeou que “coa Xunta non houbo comunicación algunha” e engadiu que si a houbo coa empresa pero “en momentos puntuais”.

Os veciños, pola súa banda, presentaron alegacións, segundo confirma o rexedor. Urbas recibiu a pasada semana a autorización da Xunta para explotar este xacemento de feldespato ao descuberto. Segundo a empresa poderíanse crear máis dunha vintena de empregos.