Skip to main content
Comarca TERRACHÁXAVilalba

“O activo máis importante da Terra Chá son as súas xentes”

Por 15 Xaneiro, 2023Xaneiro 16th, 2023Sin comentarios

O GDR Terra Chá celebrou en decembro a súa asemblea xeral para renovar a súa directiva, que agora pasa a encabezar José Antonio López Sierra, en substitución de Fe Legaspi Valiña.

Como foi o proceso de dar o paso para presidir o GDR?

Manteño relación laboral cun grupo empresarial de Castro de Rei, tamén participo na xestión da Fundación Blas do Carboeiro tamén de Castro de Rei, esta fundación pertence á asociación Terra Chá,  sendo ademais eu o representante desta na asociación Terra Chá, na última elección de xunta directiva, algúns dos meus compañeiros de asociación consideraron que eu debería postularme para presidir este grupo de desenvolvemento.

Con que obxectivos chega ao cargo?

Esta asociación conta con membros na xunta directiva cun coñecemento moi amplo da comarca, tanto no ámbito público como privado, isto permítenos ter unha visión clara do nivel de desenvolvemento, do texido produtivo existente e tamén permite obter unha imaxe fiel da realidade da zona, desta forma podemos establecer perfectamente obxectivos que favorezan o mantemento dos motores de crecemento ademais de explorar novas actividades que contribúan a mellorar a vida dos habitantes facendo que o desequilibro en servizos con respecto ás áreas urbanas sexa menor e con isto poidamos contribuír dalgún xeito ao fixamento de poboación con todo o que isto implica no relativo a evitar abandono de contornas rurais, debilitamento dos índices económicos da comarca, etc. Considero primordial apoiar iniciativas que equiparen o máximo posible as vidas dos mozos que desexen establecerse na comarca con respecto ás vidas dos mozos de contornas urbanas. Maximizar os atractivos da comarca e garantir un mantemento adecuado de todos os activos permitirá sen dúbida unha estabilidade demográfica indispensable para o futuro. Por parte da xunta directiva que presido trataremos de incidir o posible en apoiar iniciativas que redunden na mellora do tecido produtivo, no aumento dos servizos dispoñibles para a poboación así como en fomentar o implemento de tecnoloxías e infraestruturas que permitan gañar en eficiencia enerxética, establecer pautas de economía circular de forma que o impacto medioambiental das actividades sexa sostible sen comprometer a viabilidade, e polo tanto sen quebrantar o lóxico crecemento e mantenemento das actividades contribuíndo finalmente á dinamización da zona.

Cales son os proxectos que están agora en marcha no GDR?

Na actualidade este grupo atópase inmerso na elaboración dun plan estratéxico que permitirá establecer pautas para dinamizar sectores tan importantes como o agroalimentario, turismo, enerxía, comercio e tamén servizos. Este plan identificará potenciais recursos dentro da xegografía de acción deste grupo e expoñerá fórmulas de posta en valor e aproveitamento destes recursos, información moi válida para o establecemento de novas actividades dinamizadoras, así como para establecer preferencias en canto os servizos que deben de prestar os concellos. Seguiremos coa labor divulgativa para dar a coñecer a comarca e os seus atractivos ao gran público, co fin de atraer afluenza de visitantes e tamén como reclamo para novas actividades.

Tamén como tódolos anos dispoñémonos a xestionar a orde de axudas para grupos de desenvolvemento rural que vén de saír publicada para convocatoria 2023. Esta orde permítenos contar con fondos para funcionamento da propia asociación así como para o fomento e realización de proxectos no ámbito público e privado. Como todos os anos manteremos a nosa oficina aberta para asesoramento, información e tramitación de calquera proxecto ou iniciativa que desexe acollerse a estas axudas. Contamos igualmente nesta nova etapa poder organizar actividades formativas e de ocio así como xuntanzas cos diferentes colectivos para establecer algún tipo de convenio ou colaboración que redunde na organización de eventos destinados á promoción e divulgación cultural da comarca.

“Esta asociación conta con membros na xunta directiva cun coñecemento moi amplo da comarca, tanto no ámbito público como privado”

Supoño que as axudas fundamentan o traballo anual.

O asesoramento e xestión das axudas é desde logo primordial para esta asociación, establecer bos criterios de selección e que os fondos dispoñibles sexan adxudicados da forma máis xusta e eficiente posible é a premisa necesaria para que este grupo teña sentido. Débese ter en conta que é un grupo creado na Terra Chá e que pretende axudar a dinamizar este territorio o mesmo tempo que potenciar o máximo posible as súas fortalezas e por iso que os apoios que se prestan deben estar consensuados e perfectamente xustificados para que todos os proxectos teñan o éxito pretendido.

Con que respaldo conta o GDR?

O GDR Terra Chá así como resto de agrupacións galegas (en total son 24 GDRs) conta con axuda por parte da administración autonómica para o seu desenvolvemento e funcionamento. Nesta nova convocatoria de axudas Leader para o ano 2023, a asignación para toda Galicia é de 15 millóns de euros,  correspondéndolle ao grupo da Terra Chá unha cantidade de 740.000 euros. No que se refire a avaliación e análise de proxectos contamos co apoio do organismo autónomo Agader, que supervisa o labor dos grupos e dota de traballo técnico e normativo para xestionar a orde de subvencións.

Que proxectos quere poñer en marcha?

Pretendo dar continuidade ao plan de estratexia que se atopa en elaboración, tamén fomentar e mellorar a labor divulgativa coa incorporación e desenvolvemento de traballos de posicionamento en redes sociais. Por outra banda, intentaremos mellorar a nosa participación en organización de eventos ou actividades destinadas a poñer en valor os atractivos da zona, a confraternidade entre os habitantes da comarca e a divulgación cultural.

Finalmente, dentro do funcionamento regular da asociación nesta etapa implantaremos sistemas e tecnoloxías de información suficientes para mellorar en canto a eficiencia de traballo, aproveitamento do tempo e celeridade nas xestións. Dalgunha maneira imos dixitalizar o traballo da asociación e mellorar a comunicación entre os seus membros, o persoal, o servizo desta e tamén os membros da xunta directiva.

Que ten de positivo a comarca? E de negativo?

A comarca da Terra Chá famosa pola súa xeografía especial que a fai especialmente dotada para a agricultura e gandeiría, é ademais unha das zonas de Galicia onde existen os centros de produción agroalimentaria con máis dotación tecnolóxica ademais de ser punteiras en cando a producións obtidas. Non debemos esquecer que se trata do emprazamento elixido por empresas e grupos empresariais con radios de actividade nacional e internacional, coa actividade indirecta que isto xera na comarca así como os postos de traballo que garante. Pero sobre todo o activo máis importante da Terra Chá son as súas xentes, persoas cunha ampla cultura do esforzo que souperon aproveitar os recursos ademais de implementar tecnoloxías de última xeración así como técnicas de produción innovadoras cando no resto da xeografía nacional esta implementación era inexistente. Isto garantizou un crecemento superior e o establecemento de actividades ben dimensionadas e que na actualidade manteñen un potencial de crecemento importante.

Como aspecto negativo esta comarca comparte co resto dos concellos rurais de Galicia as súas carencias. Non se conta cunha cobertura digna de comunicación en todo o territorio, algunhas vías de comunicación son mellorables, aínda que é certo que esta zona se sitúa estratexicamente entre vías de comunicación importantes e polo tanto os seus enlaces con resto de Galicia e de España son rápidos. A dotación de servizos nos concellos que se inclúen nesta asociación está en vías de mellorar e precísase dunha aposta importante por parte das diferentes entidades supramunicipais para que se completen as demandas destes concellos e se faga realmente atractiva esta zona para os seus habitantes, existentes e futuros.

“Quero facer o posible para garantizarlle ás xeneracións futuras a sostibilidade que precisan para desenvolverse e evolucionar normalmente”

“Pretendo dar continuidade ao plan de estratexia, fomentar e mellorar a labor divulgativa coa incorporación de traballos de posicionamento en redes sociais”

“O asesoramento e xestión das axudas é primordial, que os fondos dispoñibles sexan adxudicados da forma máis xusta e eficiente posible”

Estase a conseguir unha volta ao rural como se di?

Sería inxusto decir que non é verdade, porque con todas as políticas, accións e divulgacións que se fan sobre este tema a realidade é que existe unha certa tendencia sobre todo relacionada coa xestión de explotacións agrogandeiras familiares, a continuidade destas, polo tanto existe unha tímida volta ao rural ou máis ben un estancamento na sangría demográfica pero hai moito que facer para que realmente esta tendencia se consolide e a mocidade vexa a posibilidade de establecerse na súa comarca como unha alternativa válida ou como primeira alternativa. Que esta tendencia teña continuidade e aumente ten moito que ver coa mellora dos servizos cos que conta a comarca, co establecemento de sistemas de comunicación fiables e equiparables aos urbanos, en definitiva acercando ó máximo posible a dispoñibilidade de servizos das contornas urbanas ás rurais.

E pode verse como unha realidade nun futuro?

Estamos nun mundo cambiante e polo tanto non é posible establecer cales serán as prevalencias a longo prazo pero o que esta claro e que o sistema de sociedad tal como se vén desenvolvendo nos últimos anos non é sostible, acabará por colapsar se non actuamos de forma contundente e continuada e isto non significa recortar ningún dereito ou privar de comodidade algunha, simplemente necesitamos adaptarnos as novas realidades facendo uso das extraordinarias novas tecnoloxías existentes, gañando en eficiencia e mermando o noso impacto, todo isto, por suposto, significa avanzar nunca retroceder decia pautas máis propias de sociedades máis antigas, non creo que basearse en lembranzas de tempos pasados resolvamos o futuro das xentes da actualidade, non sei se os meus fillos vivirán mellor ca min pero desde logo eu vivo moito mellor que meu pai ou avó, e quero facer o posible para garantizarlle ás xeneracións futuras a sostibilidade que precisan para desenvolverse e evolucionar normalmente, e isto último quizá teña algo que ver con reducir ao máximo a fenda entre as zonas urbanas e as zonas rurais menos desenvolvidas. Se podemos dalgunha maneira descomprimir a presión demográfica en determinados puntos facendo atractivos outros emprazamentos, dotados por suposto de servizos, contribuiremos de forma determinante á sostibilidade da sociedade, unha maior calidade de vida e por qué non dicilo a un maior nivel de felicidade das xentes.