Skip to main content
Vilalba

Vilalba entrega os premios aos gañadores dos concursos de decoración de Nadal

Por 14 Xaneiro, 2023Xaneiro 16th, 2023Sin comentarios

A Casa da Cultura do Concello de Vilalba acolleu a entrega de premios aos gañadores e gañadoras dos dous concursos de decoración organizados neste Nadal na vila, o II Concurso de Decoración de casas, fachadas e balcóns e o IV Concurso de Escaparates, dúas iniciativas que contribuíron a crear ambiente festivo nestas datas tan especiais do ano.

“Agradecemos enormemente a todos os veciños e veciñas o seu esforzo e o seu compromiso á hora de axudar a levar a cabo estas iniciativas que redundan no pobo. Trátase de crear ambiente pero tamén, sen dúbida, de contribuír a dinamizar o comercio e a hostalería por mor das festas de Nadal”, subliña a alcaldesa Elba Veleiro.

Tamén Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados mostraba o seu agradecemento, un ano máis, “a todos os comercios pola súa implicación no Concurso de Escaparates que axuda a embelecer á capital chairega, grazas a vosa imaxinación e orixinalidade que derivou nas extraordinarias decoracións”. “Grazas tamén a todos os membros dos dous xurados por dedicarnos tempo para sacar adiante estas iniciativas”, engadía.

No II Concurso de Decoración de casas, fachadas e balcóns de Nadal a gañadora na categoría de Casas foi Carmen Hermida Cendán, sendo a segunda clasificada Paula Seoane e terceira Estrella Maseda.

Ademais, na categoría de Pisos e Edificios resultou elixida a decoración de Laura Bañobre, que repetiu na categoría de Decoración Interior que foi votada a través do Facebook.

Pola súa banda, os gañadores do IV Concurso de Escaparates de Nadal, no que participaron 34 establecementos, o xurado destacou a “Carlin” Vilalba, mentres que o segundo posto foi para “A Chave dos Soños”, e o terceiro para “Fíodecor”. Así mesmo, o escaparate máis votado pola cidadanía na rede social Facebook foi o “Gimnasio Sport Center”.