Skip to main content
Vilalba

Os pequenos do CEIP Terra Chá amosan o seu programa Mestres Gandeiros

Por 27 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron na inauguración das actividades do programa Mestres Gandeiros no colexio CEIP Terra Chá de Vilalba. Esta iniciativa enmárcase no Plan Proxecta+, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que abranguen diferentes eidos.

Mestre Gandeiros é promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Instituto de Estudos do Territorio de Galicia, en colaboración coa Cooperativa A Carqueixa. O seu obxectivo é transmitir o coñecemento e as boas prácticas da poboación rural como xestores da natureza e da paisaxe, mediante o emprego de técnicas de xogo, do coñecemento das persoas e do contacto co territorio. Preto de 1.500 alumnos de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Educación Especial participan este curso.

No caso do colexio vilalbés participan nesta iniciativa arredor de 70 alumnos, para o que contan cun invernadoiro e cun galiñeiro nos que desenvolven tanto o cultivo dunha horta ecolóxica como a cría de poliños. Neste sentido, a directora xeral destacou o valor desta iniciativa para transmitir aos máis novos a cultura do coidado da terra e da natureza, “uns valores que en colexios coma esta están moi arraigados e nos que os alumnos son case expertos nuns labores que aprenden en moitos casos na propia casa”. 

A través desta iniciativa, ademais da conciencia ambiental, tamén se promoven as competencias dixitais, dado que o programa contempla o emprego de información xeográfica dixital, mapas ou bases de datos espaciais, entre outros recursos.