Skip to main content
Xermade

Unha achega da Deputación permitirá a Xermade renovar beirarrúas e facer unha senda peonil

Por 4 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O presidente, José Tomé Roca, asinou co alcalde, Roberto García Pernas, un convenio de colaboración que servirá para renovar as beirarrúas da Avenida das Pontes e da Avenida Vilalba e para dotar á vila dunha senda peonil paralela á LU-P-2205.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, un convenio de colaboración que servirá para mellorar a accesibilidade do municipio por un importe total de preto de 127.000€, dos que a institución provincial achegará 123.640€ e o Concello 3.224€.

O proxecto contempla a renovación das beirarrúas de dúas arterias fundamentais para Xermade. As da Avenida das Pontes e da Avenida Vilalba, conectadas entre si e que dan acceso dende a Casa Consistorial á Biblioteca Municipal, un parque infantil, o polideportivo ou o CEIP da localidade, polo que son moi empregadas pola veciñanza. Os traballos consistirán na construción de novas plataformas. A actuación conectará, ademais, as baixantes das pluviais dos tellados á rede municipal.

Por outra banda, grazas a esta colaboración, construirase unha senda peonil paralela á LU-P-2205, que conecta Xermade con Porto Souto, e que dará continuidade á beirarrúa existente, mellorando a seguridade dos veciños e das veciñas do municipio. Terá un ancho de 1,80 metros e contará cunha rede de pluviais para recoller a auga das chuvias.

Tomé Roca enmarcou este acordo no compromiso de colaboración da Deputación cos Concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza. “Estas actuacións suporán unha mellora da accesibilidade e da seguridade para os veciños e veciñas deste concello, aumentando a súa calidade de vida e beneficiando á actividade do municipio, xa que nesta zona concéntrase boa parte da vida da vila”.

A Deputación con Xermade

O Presidente sinalou que este convenio é unha mostra mais da “cooperación continua que mantemos co Concello de Xermade e con todos os municipios da provincia”. Subliñou que a Deputación destinou un investimento de máis de 2,26M€ só no que vai de mandato, e “vamos a seguir nesta liña de colaboración”.