Skip to main content
Cervo

Comezou o derrubamento dos esqueletos da zona da Atalaia en Cervo

Por 8 Febreiro, 2023Sin comentarios

Comezou o derrubamento dos esqueletos da zona da Atalaia en Cervo despois dun longo e complexo proceso de adquisión das fincas. Así, nesta zona erixirase o primeiro Centro Arqueolóxico da Mariña, o primeiro destas características na contorna.

O rexedor, Alfonso Villares, explicou anteriormente que se derrubará o groso da construción que provoca ese feísmo, mantendo os baixos da edificación “que aproveitaremos para a creación do Centro Arqueolóxico, porque entendemos que todos os restos do Castro da Atalaia como doutros xacementos da nosa zona, merecen ocupar o lugar que lles corresponde para a súa posta en valor”.

Esta futura edificación situará a Cervo como referente en materia de arqueoloxía e patrimonio na Mariña ao tempo que repara toda a panorámica da zona.

Con respecto ao esqueleto no que se situará o Centro de Arqueoloxía da Mariña, Villares recordou, que o edificio xunto cos terreos, saíu a poxa logo dos trámites administrativos realizados desde o Concello o que permitiu chegar a esta situación. Un camiño que non foi nada sinxelo de percorrer –explica- e que nos fai retrotraernos varios anos atrás, “no 2019 iniciouse un informe técnico de reposición da legalidade, que desembocou en tres multas coercitivas; por un valor total de 13.000 euros; e entremedias aprobouse tamén o Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia”. Todos estes pasos previos permitíronnos chegar agora a esta situación tan favorable de ser o Concello de Cervo o titular da estrutura e da parcela na que foi levantada no ano 2007, e que pretendía albergar 42 vivendas, con garaxes e rochos, en 7 niveis diferentes.

Tal e como subliñou Villares, “con estas actuación queremos poñer en valor toda esta zona tan privilexiada do noso Concello, como é a Atalaia, que, coa nova praza e co Centro de Arqueoloxía, sumará atractivos para desfrute da veciñanza e tamén das persoas que se acheguen a visitarnos”.