Skip to main content
Cervo

Sogama financiará en Cervo proxectos de carácter ambiental

Por 14 Febreiro, 2023Sin comentarios

O presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, rubricaron o convenio de colaboración, que estará en vigor durante 1 ano, e que rexerá o financiamento, por parte de Sogama, de proxectos de utilidade pública de marcado carácter ambiental orientados a mellorar o benestar e a calidade de vida dos cervenses.

En concreto, Sogama achegará ao ente local 148.233,39 euros, contía que se destinará á execución das obras correspondentes ao proxecto de Rede de Distribución de Abastecemento en Trasbar Fase 1. Con este desembolso, a compañía quere cooperar nas tarefas de protección ambiental  e amosar a súa gratitude pola xenerosidade do Concello ao posibilitar a obra da planta de compostaxe, situada no polígono industrial de Cuiña, que tamén estará ao dispor dos municipios máis próximos, axudándolles a dar debido cumprimento ás directrices europeas en materia de residuos.

Neste sentido, cabe lembrar que Europa esixe aos entes locais que teñan implantada a recollida diferenciada da materia orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón, antes do próximo 31 de decembro.

SERVIZO A 15 CONCELLOS

Unha vez concluída a obra da planta de biorresiduos de Cervo, a instalación, logo das correspondentes probas de carga, entrará en funcionamento durante este primeiro semestre de 2023, e pasará a formar parte da rede da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta co fin de que a meirande parte dos municipios adheridos a Sogama teñan acceso á valorización da materia orgánica e dispoñan dunha planta de biorresiduos, ou de transferencia, a menos de 50 km de distancia.

A instalación ocupa unha parcela de case 8.000 m2 e dará servizo a 15 concellos do arco cantábrico galego, aglutinando estes unha poboación de máis de 69.300 habitantes. Así mesmo, acollerá todo o proceso de compostaxe (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento), disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica cada ano, ás que habería que sumar 1.600 toneladas de material estruturante (podas e restos madeira), e producirá ao redor de 1.500 toneladas de compost que se destinará, como fertilizante natural, ao sector da agricultura e xardinería.

Igualmente, a planta estará alimentada por enerxías renovables, contribuíndo con isto á loita contra o cambio climático, e contará con novos e innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de redución do nivel de ruído, garantindo desta forma unha operativa respectuosa coa contorna máis inmediata.

Javier Domínguez comprometeuse co rexedor a apoiar a estratexia ambiental do Concello de Cervo, dado o seu especial compromiso coa contorna, así coma coa saúde e o benestar da veciñanza.