Skip to main content
Lugo

Avanzan os traballos de peonalización da rúa Gallego Tato

Por 5 Febreiro, 2023Febreiro 6th, 2023Sin comentarios

Continúan os traballos de peonalización na rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla, que permitirán avanzar na renovación das contornas escolares. Alexandre Penas, edil de Infraestruturas Urbanas, explicou que “os traballos avanzan a bo ritmo segundo o planificado polo persoal técnico, e xa se pode comezar a ver o cambio que experimentará esta rúa unha vez rematen os traballos”

Con esta actuación crearase unha nova zona de estancia, onde se instalarán bancos, mesas e fontes, xunto con árbores e arbustos, que xerará un ambiente máis saudable e con zonas de sombra no verán. O proxecto de obra define a nova zona como oasis no tecido urbano, dado que propón a implantación de material vexetal como elemento acondicionador da nova zona, co obxectivo de mellorar a calidade ambiental na contorna do colexio.

“Este proxecto será o espello no que continuar avanzando na humanización dos centros de ensino, tal e como nos veñen solicitando tanto as directivas como as asociacións de nais e pais dos distintos centros”, explicou o concelleiro, que engadiu “seguiremos traballando para continuar a humanizar e embelecer a cidade creando espazos útiles para a as persoas”.

Penas destacou que “este é o centro de ensino que conta con máis estudantes na cidade, e está situado nunha zona na que conflúen centros de ensino, instalacións deportivas e un centro social, polo que se fai necesario contar cun espazo humanizado para o desfrute da veciñanza”.

O concelleiro de Infraestutruras lembrou que “hai dous anos e medio comezamos a executar actuacións de calmado de tráfico nas contornas dos centros escolares, e agora continuamos coa mellora das zonas escolares cun novo plan de humanización que comezará no colexio Luís Pimentel”.