Skip to main content
Taboada

Isabel Rodríguez deu o visto bo ás melloras e modernización do alumeado público de Taboada

Por 1 Febreiro, 2023Febreiro 2nd, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, trasladouse ata o Concello de Taboada para supervisar, xunto ao alcalde, Ramiro Moure, os investimentos do Goberno no municipio e coñecer as súas demandas.

Así, comprobou o resultado do proxecto de mellora e modernización do alumeado público exterior en 5 parroquias do municipio, que contou cunha achega económica de 92.000 euros por parte do Estado, concedida dentro do Programa DUS5000, xestionado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

“Os fondos europeos están a chegar a todos os puntos do territorio, permitindo a municipios como Taboada desenvolver actuacións sostibles en materia de enerxía e dixitalización”, sinalou a subdelegada que destacou a aposta do Goberno cos municipios denominados do Reto Demográfico.

“Grazas á axuda do Goberno os veciños e veciñas destes núcleos rurais do Concello de Taboada contan cun alumeado LED, máis sostible, respectuoso co medio ambiente e que supón un aforro económico para as arcas municipais”, explicou a subdelegada que destacou que este tipo de proxectos avanzan no proceso de transición enerxética e na transformación das vilas de xeito responsable.

Dixitalización co Plan ÚNICO Banda Ancha

Xunto coa transición enerxética, a subdelegada avanzou a presenza de Taboada na última convocatoria de dixitalización do territorio que leva a cabo o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través do Programa ÚNICO Banda Ancha. “Con fondos do Plan de Recuperación, Taboada contará con conexión a internet de alta velocidade en practicamente todo o territorio”, confirmou Isabel Rodríguez.

Así, Taboada está incluído nos proxectos estatais de dotación de internet superior a 300mb a zonas do municipio sen cobertura. En concreto, o Programa ÚNICO permitirá a conexión de alta velocidade de 411 puntos nos que se localizan 1.301 vivendas e empresas de Taboada.

Entre as dúas convocatorias do Plan ÚNICO, o Goberno inviste na provincia de Lugo 22,5 millóns de euros para levar a tecnoloxía de conexión de alta velocidade a máis de 32.700 vivendas e empresas da provincia.