Skip to main content
Cospeito

Lestedo, en Boiqueixón homenaxeará á Festa da Filloa de Muimenta

Por 23 Febreiro, 2023Febreiro 24th, 2023Sin comentarios

A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo homenaxeará este domingo ás tres festas da filloa máis antigas de Galicia: a Festa da Filloa de Valongo (no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade), a Festa da Filloa de Muimenta (no municipio lucense de Cospeito) e a Festa da Filloa da Pedra (no municipio coruñés da Baña). Por iso, as entidades promotoras destas festas gastronómicas recibirán os Mandís de Honra da Festa da Filloa 2023 durante o pregón das festas, que será ofrecido este ano por Manuel Costiña, prestixioso chef cunha Estrela Michelín.

O presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, Xosé Manuel Canabal, explica que “neste corenta aniversario da Festa da Filloa de Lestedo quixemos facer unha posta en valor deste produto tradicional do Entroido pero que se pode degustar calquera día do ano e por iso decidimos entregar os Mandís de Honra 2023 ás tres festas da filloa máis senlleiras en Galicia canda a nosa, que son a de Valongo, a de Muimenta e a da Filloa da Pedra da Baña”.

A Festa da Filloa de Valongo é a máis antiga, pois celebrará o vindeiro mes de setembro a súa edición número corenta e cinco no municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Pola súa banda, a Festa da Filloa de Muimenta celebrará en maio a súa edición número 32 no recinto feiral Manuel Vila López de Cospeito (Lugo). Finalmente, a Festa da Filloa da Pedra da Baña vén de celebrar esta fin de semana con gran éxito a súa edición número dezanove.

Pregón e Filloa Cooking

A estas tres homenaxes sumaranse tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o director xeral do Gabinete da Presidencia, Emilio de la Iglesia, que tamén recibirán cadanseu Mandil de Honra durante os actos previos ao pregón da XL Festa da Filloa de Lestedo, que este ano correrá a cargo de Manuel Costiña, do restaurante Retiro da Costiña (Santa Comba) e prestixioso chef cunha Estrela Michelín.

Manuel Costiña será un dos protagonistas tamén do “Filloa cooking”, dúas master class que se impartirán en Lestedo este venres 24 e sábado 25 de febreiro. O chef José Manuel Mallón será o encargado de dirixir o show cooking “Lestedo sen glute”, en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia e a Asociación GDR19 Terras de Compostela. Será o venres 24 de febreiro, ás 18:00 horas, e terán preferencia persoas socias da Asociación de Celíacos de Galicia. Unha sesión que se complementará coa elaboración de racións de filloa sen glute o domingo 26 de febreiro na XL Festa da Filloa de Lestedo.

E o sábado 25 de febreiro, ás 18:30 horas, o chef Manuel Costiña protagonizará unha master class en Lestedo titulada “Terra e mar”. Ambas as dúas iniciativas do “Filloa cooking” están aberta á participación da veciñanza, se ben o número de prazas é limitado e é preciso anotarse previamente en www.festadafilloadelestedo.gal.