Skip to main content
Muras

O Pleno de Muras acorda impugnar os permisos da mina de Silán

Por 14 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Sindicato Labrego Galego e outras organizacións sociais presentaron un recurso potestativo de reposición contra a resolución que dá autorización á mina de feldespato.

Finalmente, o Pleno de Muras acordou, en segunda convocatoria, abordar a impugnación do proxecto da mina de Silán, unha decisión que saíu adiante cos votos favorables dos tres edís do BNG e o do PSOE xa que o PP decidiu absterse.

A primeira convocatoria deste pleno foi suspendida porque non se logrou aprobar a urxencia ao non estar presente unha das concelleiras do grupo de goberno por enfermidade. A cita celebrouse finalmente este luns, a pesar de que os populares volveron a votar en contra da urxencia.

Un grupo de veciños das parroquias de Silán e O Viveiró presentaron un escrito no Concello con máis de medio centenar de firmas opoñéndose ao novo proxecto de explotación da mina San Acisclo. Este veciños acudiron á sesión plenaria, na que a concelleira popular, Eugenia Requeijo, avisou das responsabilidades económicas que pode xerar ao Concello o acordo para intentar impugnar a autorización para a mina de Silán e acusou ao alcalde de ir tarde e actuar con fines electoralistas.

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, defendeuse das acusacións e afirmou que “teño que velar pola legalidade do proxecto e os intereses xerais”, recalcando que goberna “para vos que queren a mina, como para vos que non”. O rexedor nacionalista explicou que pedirán á empresa Urbas toda a documentación necesaria e que corresponda para levar a cabo o proxecto da mina de Silán. “Tomaremos as medidas que sexan precisas. Defenderemos os intereses dos veciños e as veciñas”, dixo Requeijo.

O concelleiro do PSOE, Mario Rouco, posicionouse tamén totalmente en contra do proxecto alegando que non hai as infraestruturas necesarias para albergar unha mina a ceo aberto destas características.

RECURSO DO SLG

Por outra banda, o SLG presententou, xunto a outras organizacións sociais un recurso potestativo de reposición contra a resolución que dá autorización á mina.

En concreto, segundo informa este sindicato a través dun comunicado de prensa, recorren a autorización da actualización do proxecto de explotación e plan de restauración da concesión de explotación de recursos.

Fano por infracción normativa e o que consideran “nulidade de pleno dereito” como polas consideración que xa trasladaron no seu momento a través das alegacións ao proxecto, referidas á “afección directa á poboación e ecosistemas”.

Esta explotación mineira ao descuberto prevé a súa localización, segundo lembra, “a escasos metros da Rede Natura 2000 Serra do Xistral, sobre zonas protexidas de augas potables e sobre masas soterradas de auga tamén solapadas coa Rede Natura 2000”.

Advirte tamén da “severa afección aos recursos hídricos e ao val fluvial do río Landro”, con afección “crítica” á “conectividade ecolóxica”, así como a afección “severa” a especies de fauna e flora catolagadas como vulnerables e en perigo de extinción e a afección grave á Reserva da Biosfera Terras do Miño.