Skip to main content
As Pontes

O CIM das Pontes recibiu preto de 1.600 consultas no 2022

Por 9 Febreiro, 2023Febreiro 10th, 2023Sin comentarios

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello das Pontes recibiu, ao longo do ano 2023, un total de 1.568 consultas de información e atendeu a un total de 253 persoas.

Un total de 148 consultas corresponderon á área xurídica e 1.319 á área psicolóxica e dirección do CIM, 94 consultas estiveron relacionadas con violencia de xénero, cinco consultas foron sobre os recursos no ámbito do benestar social existentes no Concello das Pontes e dúas foron relativas a cuestións de carácter laboral.

No caso da área xurídica, a maior parte das consultas estiveron vencelladas co dereito de familia (réxime económico matrimonial, divorcios, unións extramatrimoniais) e o dereito civil (herdanzas e sucesións, vivenda, alugueiro ou incapacitacións).

As consultas relacionadas cos permisos de residencia, a modificación da cualificación da capacidade, a solicitude de préstamos e as cuestións relacionadas coa seguridade social e a xustiza de balde ocuparon tamén un lugar destacado.

Polo que respecta á área psicolóxica, a atención prestada centrouse en terapias e seguimento psicolóxico, tanto individuais como en grupo así como na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.

O traballo da área de atención psicolóxica do CIM estivo encamiñado a realizar un diagnóstico da situación persoal das usuarias e facer un seguimento personalizado para, desde diferentes ámbitos, ofrecer solucións aos problemas polos que acudiron ao CIM, ofrecéndolles unha intervención integral facilitando a derivación cara servizos médicos ou a derivación cara os corpos e forzas de seguridade do Estado, no caso de ser preciso.

O servizo, no que actualmente traballan unha psicóloga e unha avogada, ten como obxectivo prioritario a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero e así, xunto coa atención directa, desde o CIM puxéronse en marcha máis dunha vintena de actividades informativas e formativas de cara á sensibilización da veciñanza no principio de igualdade e a prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos.

Entre as máis de actividades promovidas polo CIM no ano 2020 destacan a posta en marcha de contacontos charlas e obras de teatro, dirixidas ao todo o do municipio, sobre estereotipos de xénero, as relacións afectivas, a violencia de xénero, un concurso de vídeo de tiktok, a edición dun cómic conto de igualdade protagonizado polos Bolechas e un obradoiro sobre defensa persoal.

Así o CIM organizou o “Contos para cambiar o conto” dirixido ao alumando de primaria do municipio, un espectáculo de narración oral que rende homenaxe ás irmás Mirabal e no que as historias de nenas e mulleres que voan alto son as protagonistas mentres que para o alumando de infantil programouse o contacontos “Aprendendo a querer” no que os nenos e a nenas aprenderon a identificar as relacións afectivas sas das que non o son (falsos afectos que propician as relacións de dominio, apego, dependencia ou abuso).