Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

Os irmáns Coira foron premiados na antesala dos Mestre Mateo

Por 27 Febreiro, 2023Sin comentarios

Allariz acolleu a xuntanza de finalistas dos XXI Mestre Mateo, a antesala da gala de entrega de premios que se celebrará en Ourense o vindeiro 11 de marzo, onde foi premiada a serie Rapa, dos irmáns rabadenses Pepe e Jorge Coira.

A xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual estivo representada polo seu presidente, Álvaro Pérez Becerra, a tesoureira Carmen Méndez e a secretaria Saamira Ganay, que foron os encargados de anunciar os premios especiais da XXI edición dos Mestre Mateo, que recaeron nas longametraxes O corpo aberto, Valentina e O home e o can; a serie Rapa e a curtametraxe La entrega.

A Xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou o Premio Galicia Calidade á promoción exterior, que recaeu na serie Rapa: “unha produción que revelou a milleiros de espectadoras e espectadores as espectaculares paisaxes das Rías Altas, ao tempo que resultou premiada, recoñecida pola crítica e adorada polo público.”

O acto continuou coa tradicional fotografía de familia. Como novidade da presente edición, as finalistas recibiron unha bolsa de agasallos.

OS PREMIOS

Noemi Chantada e Óscar Pardo dirixirán a gala dos Mestre Mateo que se celebrará o vindeiro 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense. Organizado pola Academia Galega do Audiovisual, o espectáculo, con guión do cómico Denny Horror, será emitido en directo pola TVG. No decurso do mesmo, daranse a coñecer as obras e profesionais premiados nas 26 categorías dos premios. A mestra de cerimonias será a actriz Bárbara Grandío, quen estará acompañada sobre o escenario pola cantautora Silvia Penide e a Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía, baixo a batuta de José Luis Tielas.

A primeira rolda de votacións situou a Rapa como a produción máis votada entre as 194 que se presentaron aos XXI Premios Mestre Mateo, con 19 candidaturas finalistas, seguida por O corpo aberto, con 16, Código Emperador, con 8 e Unicorn Wars, con 6.

Entre todos os profesionais finalistas da presente edición hai dous que contan con tres candidaturas: Alberto Vázquez, polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de Unicorn Wars e Jorge Coira, pola montaxe de Rapa e a dirección de Código Emperador e Rapa. Esta serie, dirixida por Jorge Coira e Elena Trapé, e a longametraxe de Ángeles Huerta O corpo aberto, acaparan as candidaturas das categorías de intrepretación e competirán por alzarse co trofeo a mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son e vestiario. En Rapa, Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado son finalistas na categoría de Mellor interpretación feminina de reparto e Lucía Veiga e Mónica López na de Mellor interpretación feminina protagonista. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes de reparto e Javier Cámara como protagonista. No caso de O corpo aberto, Elena Seijo e Federico Pérez Rey competirán nas categorías de reparto e María Vázquez, Victoria Guerra e Tamar Novas como intérpretes protagonistas. Completan as candidaturas de interpretación os traballos de Denís Gómez (reparto) e Luis Tosar (protagonista) en Código Emperador e Manuel Manquiña (protagonista) en O home e o can.

O corpo aberto é tamén finalista a Mellor longametraxe xunto con Código Emperador, Live is Life e O home e o can.