Skip to main content
Comarca AMARIÑAXARiotorto

Alcaldes de Riotorto e Mondoñedo reúnense na Xunta para tratar sobre a BUO e o arranxo de vías

Por 10 Febreiro, 2023Sin comentarios

A Xunta e os concellos de Mondoñedo e Riotorto reuníronse para falar da tramitación da licenza de obras para a nova base de unidade operativa (BUO) de incendios de Mondoñedo, na que o Goberno galego investirá arredor de 400.000 euros. Foi na reunión que mantivo o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, co alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, e co rexedor de Riotorto, Clemente Iglesias.

Neste caso concreto, o BUO de Mondoñedo contará cunha superficie total de 223,65 metros cadrados. As instalacións albergarán unha zona de descanso para o operativo, vestiario, aseos, despachos e almacéns. Tamén se incorporará nos exteriores unha zona de garaxe para vehículos e motobombas.

A estrutura desta base realizarase mediante madeira galega, dentro dos plans da Consellería para os puntos de encontro das brigadas de incendios, que se están a reformular para pasar a denominarse BUO, xa que nelas se concentrarán non só estes profesionais, senón tamén outros traballadores do servizo como condutores de motobombas, axentes etc. Ao longo deste ano está previsto crear os primeiros tres BUO, que se situarán nos concellos de Rianxo e Muíños e -precisamente- Mondoñedo.

Do conxunto das bases operativas que se prevén para todo o territorio galego, establécense dous grupos segundo o enfoque: por unha banda renovaranse 54 sedes, mentres que outras 15 están previstas para renovación completa por nova construción ou rehabilitación total. Entre estas últimas está a de Mondoñedo.

Na xuntanza, os rexedores de Mondoñedo e Riotorto solicitaron ao conselleiro melloras nas infraestruturas que comunican os dous concellos e máis concretamente o arranxo dunha pista municipal que enlaza o barrio de Bidueiras, en Mondoñedo, co lugar do Vilar de Santiago, en Riotorto, unha actuación que comprometeu a Consellería en colaboración con ambos consistorios.