Skip to main content
Vilalba

Convocan de novo en Vilalba o Reto Lector 2023

Por 3 Febreiro, 2023Sin comentarios

O Concello de Vilalba convoca o concurso Reto Lector 2023, unha actividade coa que pretende fomentar a lectura e crear hábito de visitar a biblioteca como un espazo de lecer.

O concurso está aberto a todas ás persoas usuarias xuvenís e adultas da biblioteca. Para participar, cómpre ser socio/a da biblioteca, no caso de non selo, a solicitude do carné da biblioteca é gratuíta e realízase no mesmo momento.

A dinámica da actividade consiste en que a biblioteca selecciona un estilo ou xénero literario diferente cada mes e propón títulos desa temática. Cada mes, os participantes poderán ler un título da biblioteca enmarcado no tema proposto.

A primeira temática será a banda deseñada, que se corresponde co mes de febreiro. A casilla do mes de xaneiro poderá completarse durante todo o ano con relatos curtos. 

Para verificar a súa lectura, os participantes poderán recoller na biblioteca unha cuartilla ata o próximo 28 de febreiro de 2023. As lecturas selaranse na cartilla dentro do correspondente mes. Unha vez remate o ano, recolleranse as cartillas que teñan seladas todos os meses entre as que se sorteará unha cesta de libros valoradas en 100 euros. 

Aulas de estudo

O Concello de Vilalba anuncia ademais que, debido ao bo funcionamento da iniciativa, manterase o novo horario das aulas de estudo. Deste modo, esta zona xa non pechará ao mediodía, senón que o seu horario será ininterrompido de 10:00 a 20:30 de luns a venres.