Skip to main content
Vilalba

Anuncian seis novas prazas públicas residenciais en Vilalba e melloras para o Hospital Asilo

Por 5 Febreiro, 2023Sin comentarios

A Xunta creará seis novas prazas públicas residenciais en Vilalba e inviste 160.000 € para que os usuarios do Hospital Asilo conten cunhas instalacións renovadas. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou onte o centro.

Fabiola García sinalou que o Goberno galego destinará este ano ao financiamento destas prazas públicas un orzamento de 546.000 euros. Aos que hai que sumarlle os fondos que acaban de serlle concedidos á entidade a través da orde de axudas do 0,7% do IRPF e cos que mellorará o centro para renovar habitacións e outorgarlle maior comodidade e mellor calidade de vida aos usuarios que viven no Hospital asilo de Vilalba.

Así mesmo, apuntou que a Xunta triplicou nos últimos anos o número de prazas públicas de atención a maiores ao pasar das 5.000 do ano 2009, ata as máis de 14.000 que existen nestes momentos na nosa Comunidade.

Por outro lado, a conselleira destacou que o obxectivo da Administración autonómica é escoitar ás persoas maiores e ofrecerlle servizos de calidade, ao carón das súas casas e que respondan ás súas necesidades e preferencias. Neste sentido, lembrou a aposta da Xunta por aqueles servizos de proximidade no rural como o Servizo de Axuda no Fogar, o programa de Coidados porta a porta ou a teleasistencia.