Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta pedirá explicacións por non facer a obra da estrada entre Rioaveso e Román

Por 11 Febreiro, 2023Sin comentarios

Logo dunha nova visita á de Rioaveso, o candidato á Alcaldía de Vilalba Aberta, Modesto Renda, anunciou que esixirá explicacións ao goberno en base á non execución da “comprometida e presupostada” obra de aglomerado e limpeza de noiros no vial que une esta parroquia coa de Román á altura da Pontiga.

Tal e como denunciou diante da prensa, o tramo, polo que “día a día pasan dende o servizo de transporte escolar ata veciños en transporte adaptado camiño do seu tratamento de hemodiálise”, atópase nun “estado límite de degradación e abandono”, tendo os vehículos que “parar literalmente en ata 3 tramos nos pouco máis de 200m que hai ata Cospeito.“

“Dende hai máis de tres anos, e logo de que a parte pertencente ao Concello de Cospeito si se aglomerara, os veciños/as da zona veñen reclamando do goberno do PSOE que se execute o proxecto de renovación xa existente; mais, tal e como censurou o candidato de Vilalba Aberta “ninguén os está a escoitar”

Renda, que contextualizou a iniciativa como “unha nova chamada de atención ao goberno en relación co estado da rede viaria municipal”, apuntou directamente á responsabilidade do edil de infraestruturas en base ás “decenas de reclamacións e solicitudes veciñais sen contestar”, así como ao feito de que existan proxectos “pactados e presupostados que non se estean a materializar.”

Así, e ao tempo que agradeceu a confianza dos veciños/as de Rioaveso no Grupo Municipal de Vilalba Aberta, apelou á responsabilidade da Alcaldesa, á que lle lembrou que os “catro anos sen presupostos” en base á “teima do PSOE de gobernar por decreto coas contas do PP”, está a “limitar o marxe de inversión no rural”.

“Os investimentos nas parroquias non poden depender dos acordos que VA arrinca do goberno. Urxe un presuposto que dea estabilidade ao Concello e a mellora da rede viaria municipal debera ser unha das máximas prioridades”, concluíu.